«A capital do mundo», de Xavier Alcalá, é a obra encargada de inaugurar
a colección bautizada co nome do autor. Esta é a segunda biblioteca
creada, despois da Biblioteca Xosé Neira Vilas, dun autor vivo.
Esta publicación, sitúa ás lectoras e lectores en 1957. Un adulterio
ferinte, un amor tolo, imposible, son os encargados de impulsar a unha
rapaza coruñesa a emigrar. Nova York, «A capital do mundo», sempre
atraera a Nieves Ocampo e cara alá marcha cunha parada previa na Habana.
Ese alto na ruta, inicialmente curto, devirá en peripecia vital nunha
viaxe por un mundo inimaxinable ata ese momento da Historia.
A emigración é tema principal na obra de Xavier Alcalá. Tras relatar
vivencias propias en «La Habana flash», entrou a fondo na Revolución de
Cuba con «Verde oliva» dando voz á “axente Mariana”, galega loitadora
pola liberdade. Con «A capital do mundo» retorna á escena
revolucionaria, onde Nieves recolle, ao seu xeito, o testemuño de
Mariana. É a primeira parte de Mayimbes —os irmáns Castro e as elites do
réxime—, entre os que sobrevive a protagonista.
O venres 9 de agosto, celebrarase, ás 18 h, nos Xardíns de Méndez Núñez,
na Feira do Libro de Coruña, a primeira presentación do libro.
Acompañando o autor, estarán Xulio López Valcárcel, escritor, e Xosé
Manuel Soutullo, director xeral de Editorial Galaxia.
Esta semana chegará a todas as librarías de Galicia.
Xavier Alcalá (Miguelturra, Cidade Real, 1947) é enxeñeiro de
telecomunicacións, ademais de colaborar na prensa, actualmente cunha
columna en La Voz de Galicia. Instalado en Galicia desde a nenez,
iniciou a súa obra literaria con «Voltar, seis personaxes e un fado»
(1972), obra á que ían seguir títulos como «A nosa cinza» (1980),
«Fábula» (1980), «Nos pagos de Huinca Loo» (1982), «Cárcere verde»
(1990), «Latitude austral» (1991), «Código morse» (1996) e «Alén da
desventura», novela coa que obtería o Premio Blanco Amor no ano 1998.
Tamén é autor da triloxía “Evanxélica memoria”, en que se relata a
epopea das comunidades evanxélicas en Galicia, constituída polas novelas
«Entre fronteiras» (2004), «Nas catacumbas» (2005) e «Unha falsa luz»
(2007). En 2012, publicou a novela «Verde oliva», sobre a revolución
castrista en Cuba, e «The Making of» (2018), o retrato dun sobrevivente,
onde se descobre a aventura oculta da emigración galega na Arxentina.