Leyendo ahora
XORNADA XOHÁN VICENTE VIQUEIRA NO CENTENARIO DO SEU PASAMENTO.

XORNADA XOHÁN VICENTE VIQUEIRA NO CENTENARIO DO SEU PASAMENTO.

O 29 de agosto cumpríronse cen anos da morte, aínda ben novo, de Xohán
Vicente Viqueira (Madrid, 1886-Bergondo, 1924), relevante intelectual
galeguista do pasado século. Nado no seo dunha familia galega de orixes
betanceiras, culta e liberal, formouse en Madrid na Institución Libre de Enseñanza, da man de Francisco Giner de los Ríos, e en varias universidades de Francia e Alemaña, onde entrou en contacto con notables figuras das máis avanzadas correntes europeas da filosofía e da psicoloxía experimental. De volta en Galicia, impartiu docencia nun instituto da Coruña, cidade onde residiu ata o seu falecemento, desenvolvendo ideas e prácticas anovadoras e progresistas para a súa época. Foi fundador e destacado membro da Irmandade da Fala coruñesa. Alén diso, ademais de brillante conferenciante, deixou unha abundante obra escrita, con numerosos artigos, publicados maiormente no semanario A Nosa Terra, e varios libros ensaísticos que recollen as súas teorías nacionalistas, socialistas e europeístas, así como argumentacións a prol dunha necesaria reforma e modernización do ensino galego e da defensa e normalización do uso da nosa lingua. Outrosí, cultivou tamén a poesía.-


Visita de Jacinta Landa, viúva de Xohán Vicente Viqueira,
á Fundación Penzol (1973). De esquerda a dereita: Ramón Piñeiro,
Isabel López, Fermín Penzol, Jacinta Landa, Domingo García-Sabell,
Blanca Jiménez, Fernández del Riego e Marino Dónega.


Nos depósitos da Fundación Penzol, ademais de exemplares da obra impre-
sa de tan notable pedagogo, existe un importante fondo arquivístico, que ingresou
nos anos setenta por decisión da súa viúva, Jacinta Landa, quen, residente daquela
en México, mesmo chegou a visitar as instalacións da institución en 1973. O varia-
do fondo de Xohán Vicente Viqueira, dixitalizado e accesible na web da Penzol
(https://fondospenzol.vigo.org/portalArchivo/resultados), inclúe documentación
dos estudos en Alemaña, da súa participación nas Irmandades e dos distintos mate-
riais, froito do seu labor docente, xunto a textos literarios manuscritos con ensaios,
poemas e traducións, ademais de correspondencia e diversas fotografías persoais e
familiares.

Retrato de X. V. Viqueira, por Álvaro Cebreiro, ca. 1920
Para a súa maior difusión, publicamos un novo número do boletín dixital Novas
Penzol coas referencias bibliográficas e arquivísticas, que poderá consultarse en rede a partir da súa presentación no marco dunha xornada, organizada coa colaboración do Consello da Cultura Galega, que tratará sobre distintas facetas da súa personalidade, e que, coincidindo coa data do seu nacemento, o 22 de outubro, se celebrará na sede da Fundación Penzol, na Casa Galega da Cultura de Vigo.
A xornada, coordinada por María Dolores Cabrera, vicepresidenta segunda da
Fundación, contará cos participantes e os temas que a seguir se relacionan:

Ver también


— “Palabras de benvida” de Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol, e
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega.
— “Presentación” por Silvestre Gómez Xurxo, padroeiro da Fundación Penzol,
do número 31 do boletín Novas Penzol.
— “Psicopedagoxía e reforma escolar en Galicia”, por Antón Costa, catedrá-
tico xubilado de Historia da Educación da Universidade de Santiago de
Compostela.
— “A irmandade de Viqueira”, por Xurxo Martínez, responsable técnico do
Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e inves-
tigador.
— “Xohán Vicente Viqueira e a lingua”, por Xosé Manuel Dasilva, catedrático
da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo; padroeiro
da Fundación Penzol.
Data: 22 de outubro de 2024, ás 19 horas
Lugar: Salón de actos da Casa Galega da Cultura
Praza da Princesa, 2 – Vigo

Vuelve al comienzo
X