Leyendo ahora
O AUDITORIO MAR DE VIGO PRESENTA A SÚA PROGRAMACIÓN OUTONO_INVERNO

O AUDITORIO MAR DE VIGO PRESENTA A SÚA PROGRAMACIÓN OUTONO_INVERNO

Directamente desde Broadway, o musical Kinky Boots.

A programación outono-inverno do Auditorio Mar de Vigo, preséntase cunha variedade de eventos para todos os públicos que prometen enriquecer a vida cultural da cidade olívica nos vindeiros meses, cunha énfase especial na programación do Nadal, que irá desde espectáculos familiares ata grandes concertos e musicais.

A gran ópera “Carmen”, unha das obras máis emblemáticas do repertorio operístico, regresará ao Auditorio Mar de Vigo este sábado, 2 de novembro, presentada pola Compañía de Ópera “LGAM”, Leonor Gago Artist Management, en colaboración coa Ópera Nacional de Moldavia. Esta obra mestra de G.Bizet, coñecida pola súa apaixoante historia de amor e ciumes, leva ao público nunha viaxe emocional a través das súas icónicas arias e melodías. Desde a súa estrea en París en 1875, Carmen converteuse nun mito que inspirou a artistas de diversas disciplinas. A produción contará cun elenco de talentosos artistas e solistas internacionais, acompañados dunha orquestra en directo que enriquecerá a experiencia e a maxia da ópera.

Os máis pequenos terán un lugar destacado nesta programación cun variado bloque de espectáculos infantís. Entre as propostas, chega por primeira vez ao noso país “El Show de Bluey”(9 e 10 de novembro), a obra teatral baseada na serie de Bluey, que conquistou a nenos e pais por igual, ofrecerá unha experiencia divertida e educativa, permitindo veren en directo a Bluey, Bingo, e a mamá e papá, Chilli e Bandit. Ademais, La Granja de Zenón (21 de decembro) presentará “En Busca del Arcoiris”, unha gran produción inmersiva onde Tito e Bartolito perseguirán o seu soño, acompañados de efectos sonoros e as mellores cancións da granxa. Tamén se presentará “Rock en Familia”(4 de xaneiro), un espectáculo que levará aos pequenos a descubrir a historia e as cancións máis representativas de bandas como AC/DC, Queen ou The Beatles, todo guiado polo carismático Oso Rosendo. Finalmente, “Vaiana –El Musical del momento”(16 de febreiro) traerá a maxia da cultura polinesia e as súas melodías vibrantes ao escenario, seguindo a viaxe da valente Vaiana para salvar a súa illa.

A comedia e os monólogos terán un papel fundamental nesta tempada, cun elenco de artistas que prometen facer rir a gargalladas. Juan Dávila (15, 16 e 17 de novembro), un fenómeno do humor que esgotou todas as entradas para as catro funcións no Auditorio Mar de Vigo con «El Palacio del Pecado», achegará un espectáculo atrevido e imprevisible que combina improvisación e un repaso divertido dos pecados capitais, garantindo risas e conexión co público. Doutra banda, Dani Martínez (21 e 22 de febreiro), coñecido polo seu carisma e talento, abriu unha segunda data para o seu show «Remember», onde realiza un viaxe no tempo desde 2050 para recordar momentos memorables que non se deben esquecer, creando unha experiencia interactiva e divertida para todos. Ademais, Mentes Peligrosas (22 de marzo), que vén de vender máis de 70.000 entradas, regresa cun espectáculo completamente renovado, onde Ana Morgade, Carolina Iglesias, Henar Álvarez e Lalachus unirán forzas para ofrecer unha festa da risa inigualable, con novos monólogos e gags que celebran a conexión entre o humor e a vida. Finalmente, Hovik Keuchkerian (28 de marzo), que regresa ao stand-up, traerá a súa liberdade de expresión e humor afiado, prometendo provocar risas e reflexións sobre a vida e a sociedade co seu monólogo “Grito”.

Os grandes musicais e as grandes bandas tamén terán o seu momento de gloria no Auditorio Mar. O espectáculo «Queen Forever» (23 de novembro), protagonizado polo grupo finalista de Got Talent, promete revivir os clásicos que marcaron xeracións, ofrecendo unha experiencia inmersiva que transportará ao público aos icónicos concertos de Queen, como Live Aid e Wembley. A continuación, o gran musical chegado desde Broadway , Kinky Boots (13 e 14 de decembro) traerá á vida a historia inspiradora de Charlie Price, o herdeiro dunha fábrica de zapatos que está a piques de quebrar. Tras a morte do seu pai, Charlie descobre a Lola, unha artista de cabaret cun estilo único, e xuntos revolucionan a industria do calzado. O musical, producido por Theatre Properties en coprodución con Atresmedia e Rimas Europe, e coa colaboración do Grupo Eventix, conta cun elenco espectacular e destaca por 170 cambios de vestiario, 70 pares de botas e un despregue de cor e diversión. A música, composta por Cyndi Lauper, inclúe himnos como «Raise You Up» e «Just Be», que abordan temas como a aceptación, a amizade e a superación dos prexuízos. Kinky Boots non é só un espectáculo, senón unha celebración de diversidade e empoderamento que fará rir, emocionarse e bailar a todo o público. Foi nomeado a 13 premios Tony e galardoado, entre outros, co Tony aoMellor Musical. Por último, 90’s Live & Philarmonic Fusion (15 de febreiro) levará aos asistentes nunha viaxe nostálxica a través dos éxitos máis emblemáticos dos anos 90, interpretados por máis de 40 músicos da orquestra sinfónica Philharmonic Fusion, combinando a música en directo cun DJ para crear un espectáculo único que fará revivir os grandes momentos desta máxica década.

No ámbito do ballet, o Auditorio presentará á esperada Gran Suite de Nadal do Ballet Clásico de Cuba(15 de decembro), baixo a dirección de Laura Alonso, a filla da gran Alicia Alonso. Este espectáculo, que se erixe como un dos pratos fortes da programación, recrea os momentos máis memorables de clásicos como “El Lago de los Cisnes”, “La Bella Durmiente” o “El Cascanueves”. Con 36 bailarines en escena, a Gran Suite presentará personaxes icónicos como “Caperucita Roja”e o “Cisne Negro”, prometendo unha experiencia máxica para toda a familia. Ademais, “El Cascanueces”(28 de decembro) traerá a encantadora historia da Nadal, capturando a esencia do ballet clásico con espléndidos vestuarios e decoracións. Por último, “El Lago de los Cisnes” (25 de xaneiro) relatará unha cautivadora historia de amor entre un príncipe e a fermosa Odette, destacando polo seu famoso pas de deuxe a maxistral música de Tchaikovsky. Estas obras mestras celebran a maxia da danza e deleitarán ao público en cada función.

Ver también

A música clásica tamén terá un espazo destacado nesta programación. Con concertos que celebran as melodías máis memorables do cinema con “La Mejor Música de Cine: Williams y Zimmer” (23 de decembro), os asistentes poderán gozar dunha experiencia auditiva única viaxando polas grandes bandas sonoras. O tradicional concerto de Aninovo, a cargo da Strauss Festival Orchestra (29 de decembro), chega cunha extraordinaria xira de 35 anos de éxito que conquistou as mellores salas de Europa. Este concerto presentará os títulos máis icónicos do rei do vals, como “El Bello Danubio Azul”, “La Fiesta de las Flores”, “Champagne” ou “La Marcha Radetzky”. Por outro lado, a Film Symphony Orchestra (19 de xaneiro) tamén ofrecerá o seu novo espectáculo TARAB, que fusiona a música de cine con emoción intensa, presentando melodías evocadoras de películas como “Dune”, “Oppenheimer”e “Star Wars: Elascenso de Skywalker”. Ademais, “La Gran Antología de la Zarzuela” (13 de febreiro) traerá unha mestura de teatro e música coa Orquesta Filarmónica de España, que deleitará ao público con grandes temas do xénero.

Por último, os grandes concertos preséntanse como un broche de ouro a esta impresionante programación. Van Morrison Alumni Band (23 de xaneiro), liderada por Leo Green, revivirá os grandes de clásicos de Van Morrison como “Brown Eyed Girl”ou“Into the Mystic”, nun espectáculo que celebra a un dos máis notables músicos do século XX. Café Quijano (24 de xaneiro) presentrán o seu último álbum, “Miami 1990”, que evoca o seu son máis auténtico e as súas historias entrelazadas. A elegante Madeleine Peyroux (1 de febreiro), que chega por primeira vez a Vigo, sorprenderá co seu estilo de jazz que lembra a grandes com Billie Holiday, e presentará o seu recente traballo «Just Walk». Ara Malikian (8 de febreiro) tamén será pàrte desta celebración, co seu novo espectáculo «Intruso», que explora a riqueza da súa identidade multicultural a través da música. Depedro (7 de marzo) volverá ao escenario co seu séptimo álbum, «Un lugar perfecto», unha viaxe sonora que invita á reflexión sobre a esperanza e a conexión humana e xa, coa primavera cerquiña, a icona do pop, Anastacia, (16 de marzo) anuncia a súa esperada nova xira #NTK25 para conmemorar o 25 aniversario do seu álbum debut «Not That Kind». Esta será a primeira actuación da cantante americana en Galicia.

Toda a programación e a información sobre as entradas pode encontrarse na web do Auditorio Mar de Vigo e na billeteira www.teuticket.com.

Vuelve al comienzo