Now Reading
O dramaturgo Carlos Labraña gaña o IX Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño pola obra «Sós»

O dramaturgo Carlos Labraña gaña o IX Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño pola obra «Sós»

O dramaturgo Carlos Labraña gaña o IX Premio de Textos Teatrais Roberto
Vidal Bolaño pola obra «Sós», segundo acordou por unanimidade o xurado
reunido o pasado 21 de maio de 2026 na Biblioteca do IES Ribeira do
Louro, no Porriño.

O xurado, integrado por Iván Caloto, Pepa Barreiro, Delio García
Represas e Raquel Castro, destacou da peza “que sexa unha obra que
aborda un tema de actualidade, a guerra, con especial tenrura e
sensibilidade; ademais de pola súa linguaxe poética, escrita cun
delicado coidado da lingua”.

Na acta do fallo tamén se subliña que “a dramaturxia xoga cunha
estrutura que separa o universo íntimo e o máis social dándolle
relevancia a partes iguais e as anotación son en realidade poemas que
transmiten un sentimento profundo que te leva á reflexión”.

O xurado considerou ademais que se trata “dunha obra moi acaída para o
público xuvenil pola temática actual que trata, tanto para a súa
representación como para a súa lectura”.

See Also

O Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño recoñece anualmente
obras dramáticas dirixidas ao público xuvenil e constitúe unha das
iniciativas de referencia no impulso da creación teatral en lingua
galega.

Carlos Labraña é un dramaturgo especializado en teatro para nenas e
nenos. Neste eido acadou diferentes premios, como o Xeración Nós, o
Estornela, o Manuel María e O Facho, con pezas que se len e se
representan de maneira habitual nos colexios. Dentro da súa traxectoria,
pódense salientar: «O valo», sobre o drama dos refuxiados; «Moito Morro
Corporation Sociedade Ilimitada», comedia ácida sobre a crise económica
(Premio de Teatro na Gala do Libro, 2017), «O Apalpador», sobre o
personaxe central do Nadal galego; «Estrelecer», peza de misterio con
reivindicación feminista (Lecturas dramatizadas da SGAE), «Contra o
reloxo», que fala do tempo e da perda (Premio Martín Sarmiendo, 2023),
«Estrela… Fugaz?», sobre a identidade de xénero, e «Mambrú volveu da
guerra» (Premio SGAE 2022), texto para a recuperación da memoria
histórica democrática. En 2016 fundou a compañía de teatro Os Furabolos,
onde desenvolve tamén as súa facetas como actor e director.

Scroll To Top