
O pai da autora conta que lle pediron saliva para identificar un
seu curmán, soterrado nunha fosa común en Valencia. Guerrilleiro comunista,
morto en 1947. Nunca lles falaran del; descoñecían a súa existencia. Sobre a
guerra, as bocas estaban cosidas.
A partir destes silencios, a novela reconstrúe a vida de Antonio G., seguindo os
seus pasos na familia, “desbridando a cicatriz”, a través da documentación e mediante a imaxinación, desde a adolescencia en Doña Mencía (Córdoba), á participación nos Fillos da Noite —partisanos entre 1936 e 1939—, aos campos de concentración e á guerra despois da guerra. As feridas herdadas entretécense coas colectivas, as penurias dos xornaleiros, a fame, a represión.
Unha obra onde a prosa de Marilar Aleixandre, co seu lirismo contido, ten a capaci-
dade de dar voz aos ecos do pasado, nunha atmosfera impregnada do peso do silencio e da memoria.

MARILAR ALEIXANDRE (Madrid, 1947) é feminista, narradora, poeta, tradutora
e membro da Real Academia Galega desde 2017. Posuidora dunha das voces
máis singulares das nosas letras, recibiu os máis importantes premios da litera-
tura galega. Desenvolveu un extenso labor académico na Universidade de Santiago de Compostela, onde centrou a súa investigación na argumentación e no pensamento crítico. Editorial Galaxia publicou o libro Mudanzas e outros velenos (2017), que reúne parte da súa obra poética; na colección Costa Oeste, Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros (2017), A filla do minotauro (2018, Premio Raíña Lupa) e Castelao segundo rañolas (2ª ed. 2025); na colección Literaria, A Compañía Clandestina de Contrapublicidade (1998, Premio Álvaro Cunqueiro) e As malas mulleres (2020, Premio Eduardo BlancoAmor 2020 e Premio Nacional de Narrativa); e na colección Feminismos, Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021), xunto con María López Sández; así como Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo, con Emma Pedreira (2022).
EDITORIAL GALAXIA, S. A.
AS BOCAS COSIDAS
ISBN 978-84-1176-416-2