Leyendo ahora
«AXÚDAME A CANTAR «, AS FUNDADORAS DE LEILÍA COAS LETRAS GALEGAS 2025.

«AXÚDAME A CANTAR «, AS FUNDADORAS DE LEILÍA COAS LETRAS GALEGAS 2025.



Felisa Segade e Montse Rivera (fundadoras de Leilía, primeiro grupo que
dá protagonismo á voz e á pandeireta nun escenario) afondarán neste
espectáculo de canto, enfocado á campaña escolar, palabra e toque, no
por qué destas cantigas, a súa creación, os momentos en que se cantaban,
o papel que xogaban no día a día das nosas antepasadas.

«Axudádeme a cantar» é un encontro con xente moza que ten como obxectivo
fundamental servir de ponte entre antano e hogaño, poñendo en valor un
patrimonio inmaterial que é parte da nosa historia e que debemos
protexer e evitar que esmoreza, que caia no esquecemento.

En 2025 o Día das Letras Galegas está dedicado ao Cancioneiro popular
galego e ás mulleres que crearon cantigas que se transmitiron de nais a
fillas.

Da man de Felisa Segade e Montse Rivera (fundadoras de Leilía), e
seguindo o fío da novela de Marcos Calveiro «Agora que vén a noite»,
farán unha viaxe dende o presente cara ao pasado, para entender de onde
vén a música galega actual.

En «Agora que vén a noite», a adolescente Uxía, tras un grave incidente,
ten que comparecer ante a Fiscalía de Menores. a súa nai, desesperada,
decide enviala a Vilaverde, unha afastada aldea onde pasará o verán con
Primitiva, a madriña da nai, unha vella desaborida á que a moza nin
estima nin coñece.

Nesas xornadas estivais, Uxía madurará e irá descubrindo pouco a pouco
como asumir as consecuencias dos seus actos. Coñecerá tamén a Roi, un
mozo moi distinto a ela, e xuntos desentrañarán o misterio que envolve o
pasado de Primitiva, que se agocha tras dun mangado de cartas e unha
pandeireta.

«Agora que vén a noite» vai construíndo, elo a elo, unha cadea que une o
presente coa tradición. Unha cadea que debemos coidar e reivindicar, coa
palabra, co cante e co toque. Unha celebración da nosa cultura popular e
das mulleres que a conservaron en tempos escuros e incertos.

Marcos Calveiro comezou a súa carreira literaria creando obras dedicadas
á literatura infantil e xuvenil. Neste campo recibiu numerosos premios e
recoñecementos.

Montse e Felisa, con outras compañeiras, conformaron o grupo Leilía en
1989. Cunha aposta pioneira, propuxéronse recuperar do esquecemento a
tradición oral galega e foron quen de levar por primeira vez aos palcos
un espectáculo que, ao son de pandeiretas e voces, acompañaron con
instrumentos da vida cotiá, como se facía nas aldeas galegas cando se
xuntaban as mulleres para se divertiren. Montse e Felisa son recoñecidas
investigadoras e mestras que pasaron anos recollendo cantigas
tradicionais polo máis recóndito de Galicia da man das vellas
cantareiras, e foron as primeiras en reivindicalas, en especial a
homenaxeada das Letras, Eva Castiñeira, da que no disco Consentimento
(2012), de Leilía, gravaron unha xota e dúas muñeiras, dende a
consciencia de que, coma tantas outras mulleres creadoras e artistas,
non obtivera en vida o recoñecemento merecido.

Duración: 50 minutos

Vuelve al comienzo