Now Reading
BANDO INFORMATIVOCELEBRACIÓN DE FOGUEIRAS / CACHARELAS DE SAN XOÁN ANO 2025

BANDO INFORMATIVO
CELEBRACIÓN DE FOGUEIRAS / CACHARELAS DE SAN XOÁN ANO 2025

CARTEL DE SAN XOÁN LAVADORES.


O artigo 9 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que, en consideración aos antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais en Galicia e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume, a Consellería con competencias en materia forestal definirá a época de perigo alto, medio e baixo, que condicionará a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia.
A Consellería con competencias en materia forestal, sendo esta a Consellería do Medio Rural, establecerá as datas correspondentes á época de perigo alto. Deste xeito mediante Orde de 03 de xuño de 2024 da Consellería de Medio Rural determinouse que para a pasado ano 2024 a época de perigo alto de incendios forestais abarcou do 01 de xullo ao 30 de setembro, ámbalas datas incluídas.
Á data da sinatura do presente Bando, aínda non se aprobou a correspondente Orde da Consellería do Medio Rural para este ano 2025.

SAN XOÁN CASCO VELLO ALTO


Consonte ao disposto no artigo 36.1 da Lei 3/2007, en concordancia co artigo 15.8 do Decreto 105/2006, de 22 de xuño, polo que se regulan as medidas relativas á prevención de incendios forestais, nas zoas agrícolas, forestais e nas zoas de influencia forestal, queda prohibido realizar, con carácter xeral, durante a época de perigo alto de incendios (1) fogueiras para recreo ou ocio e
para a preparación de alimentos, así como utilizar equipamentos de queima e combustión destinados á iluminación ou elaboración de alimentos e (2) a queima de matorrais e calquera tipo de sobrantes de explotación, limpeza de restos ou calquera outro obxecto combustible. Porén, de conformidade co disposto no artigo 36.5 da devandita Lei, o Concello de Vigo poderá autorizar, excepcionalmente, o uso do fogo con motivo da celebración de festas locais ou de arraigada tradición popular, como é a Festividade de San Xoán, coas medidas de seguridade e de prevención de incendios forestais que a tal efecto se determinen.
A autorización municipal para este tipo de eventos populares resulta obrigatoria tanto se comporta unha ocupación especial e temporal das vías ou espazos públicos como se realiza e desenvolve en terreos de titularidade privada, consonte ao disposto nos artigos 41 letra c) da Lei 9/2013, de 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, e art.36.5 da Lei 3/2007 de 9 Abril, da Comunidade Autónoma de Galicia, de prevención e defensa contra os incendios forestais, art. 4 c) da Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas, art. 3 e) e apartado II.5 do Anexo do Decreto 124/2019 de Galicia polo que se aproba o catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

CARTEL SAN XOÁN FREIXO


Por todo o exposto e de conformidade co disposto no artigo 84.1 a) da Lei 7/1985 de 2 Abril, reguladora das Bases do Réxime Local, en concordancia co artigo 7.3 do Decreto de 17 de xuño de 1955, polo que se aproba o Regulamento de servizos das corporacións locais, emítese o presente Bando, no que se informa, para coñecemento público, do réxime legal ao que quedan sometidas as autorizacións de queimas e uso do lume durante a época de perigo alto de incendios forestais no termo municipal de Vigo, para este ano 2025:
1º.- Desde o 01 de xullo de 2025 ata o 30 de setembro de 2025 (art. 9 da Lei 3/2007; Orde de 03/06/2024 da Consellería do Medio Rural publicada no DOG n.º 116 de 17 de xuño de 2024), o Concello de Vigo unicamente poderá autorizar o uso do lume nas zoas agrícolas, forestais e nas zoas de influencia forestal co gallo da celebración de festas locais ou de arraigada tradición popular, como é o caso da Festividade de San Xoán (noite e madrugada dos día 23 e 24 de xuño, respectivamente), NON PODENDO REALIZARSE TAMPOUCO NINGUNHA OUTRA QUEIMA DISTINTA DAS ANTERIORES DENTRO DA ZONA URBANA DO TERMO MUNICIPAL DE VIGO.
2º.-Todas as solicitudes que se interesen deberán presentarse cunha antelación mínima de doce días naturais á celebración do evento, co obxecto de poder analizar o seu contido e poder remitir a autorización, en caso de ser concedida, ao distrito forestal correspondente da administración autonómica, cunha antelación mínima de corenta e oito horas á celebración do evento.
3º.- As solicitudes que eventualmente resultasen autorizadas quedarán supeditadas na súa validez e eficacia a que o índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) non sexa extremo, debendo entenderse automaticamente revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade.
4º.- As autorizacións outorgadas non eximirán, en ningún caso, das responsabilidades por danos e prexuízos a que houbera lugar.
5º.- A celebración de Cacharelas/Fogueiras/Sardiñadas de San Xoán nas vías ou espazos públicos de titularidade municipal só serán concedidas aos colectivos ou asociacións veciñais e culturais debidamente constituídos.
6º.- As persoas, organizacións e comunidades que desexen realizar unha cacharela de San Xoán deberán presentar a solicitude correspondente no Rexistro Xeral do Concello, como data límite, o 11 de xuño, sinalando nome, enderezo, teléfono e fotocopia do D.N.I. dos responsables da organización ou comunidade. A solicitude debe ir acompañada dun plano de situación (solicitado na oficina de Información urbanística) do espazo onde se vai a situar a cacharela e os seus elementos
accesorios.
7º.- No caso de realizarse en terreos públicos de titularidade municipal deberá achegarse unha PÓLIZA DE SEGURO DE RESPONSABILIDADE CIVIL cunha cobertura conforme ao disposto no Decreto 226/2022, de 22 de decembro (DOG num. 13 de data 19/01/23), achegando conxuntamente o comprobante de estar ó corrente de pago.
8º.- Os elementos da fogueira deberán estar colocados con dous días naturais de antelación a súa queima, para que o Servizo municipal de Extinción de Incendios e Salvamento poida levar a cabo a inspección, revisión e control desta coa antelación suficiente.
9º.- En Zonas urbanas, o volume do combustible da cacharela non excederá os catro (4) metros de diámetro, nin dous (2) metros de altura, mentres que nas zonas rurais, o volume do combustible da cacharela non excederá os seis (6) metros de diámetro nin os tres (3) metros de altura.

CARTEL SAN XOÁN PANXÓN

10º.- A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano será como mínimo de 12 metros, excepto no casco urbano que será delimitada polo Servizo municipal de Extinción de Incendios e Salvamento.
11º.- Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, derivados de hidrocarburos, fedorentos tóxicos, así como de calquera outro material ou produto contaminante ou substancias susceptibles de desprender fumes tóxicos. Asemade, coidarase de non botar ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda que estean baleiros.
12º.- As fogueiras non se poderán facer en lugares próximos á liña eléctrica, inmobles, zonas verdes ou de xardíns, e naqueles ámbitos ou emprazamentos nos que poidan crearse situacións de perigo.
13º.- No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público lousados, asfaltados ou pintados, os organizadores encargaranse, pola súa conta, de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm. en toda a superficie da fogueira.
14º.- Prohíbese a colocación e exhibición de pancartas sobre terreos de uso público que non estean expresamente autorizadas.
15º.- A hora límite para rematar a celebración é as 04:00 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no art. 5.II.5 da Orde de 23/10/20 da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia (DOG 30/10/20), para a celebración de festas e romarías populares.

See Also


16º.- Ao finalizar a fogueira e antes de abandonar o lugar da mesma, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas, debendo retirar todos os restos que queden unha vez rematado evento.
17º.- Os organizadores deberán cumprir co establecido na Lei 11/2010 de 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
18º.- Prohíbese, con carácter xeral e agás as autorizacións que con carácter excepcional puideran ser outorgadas, a celebración de Cacharelas de San Xoán nas praias, parques e xardíns de titularidade municipal, no ámbito do Casco histórico, así como preto de calquera elemento que constitúa o patrimonio histórico ou cultural.
19º.- O desenvolvemento de celebración das cacharelas e sardiñadas deberá axustarse ao permiso concedido e as ordenanzas municipais que eventualmente puidesen resultar de aplicación.
20º.- A competencia para resolver as solicitudes correspóndelle á Concelleira Delegada de Seguridade, Contratación e Xestión Municipal conforme ao réxime de delegación de competencias efectuada pola Xunta de Goberno Local en acordo aprobado na sesión extraordinaria e urxente de data 28 de xuño de 2024 (exp. n.º 1483/1102).
RAGB/jca
O ALCALDE
Abel Caballero Álvarez

SAN XOÁN EN ALCABRE
Scroll To Top