DIM 2025 no MARCO
“O futuro dos museos en comunidades en constante cambio”
Programación especial do xoves 15 ao domingo 18 de maio
https://www.marcovigo.com/content/dim-2025-no-marco
Cando se aproxima o Día Internacional dos Museos, centros de todo o mundo preparan a celebración do 18 de maio, en liña co lema elixido polo ICOM para esta edición: “O futuro dos museos en comunidades en constante cambio”.
Nuns tempos marcados pola transformación constante, os museos necesitan situarse á vangarda do cambio, transitando por unha paisaxe dinámica, moldeada polas necesidades sociais. A idea é explorar como os museos poden contribuír á mellora dun mundo que experimenta profundos cambios sociais, tecnolóxicos e medioambientais, funcionando como catalizadores e participantes activos na configuración de comunidades sostibles e inclusivas.

PROGRAMACIÓN DIM 2025 no MARCO
Do xoves 15 ao domingo 18 de maio
Neste 2025, o MARCO celebra o Día Internacional dos Museos (18 de maio) cun programa especial de actividades para distintos públicos, que se desenvolverá do xoves 15 ao domingo 18 de maio.
Comezamos o xoves 15 coa Xuntanza de Bibliotecas, Arquivos e Centros de documentación e o venres 16 coa Xornada sobre Pedagoxía e Sociedade, abrindo espazos para a reflexión e intercambio de experiencias en ámbitos clave como a preservación do patrimonio e a educación como vía para a inclusión.
O sábado 17 pola mañá, celebramos o Día das Letras e o Día dos Museos dun xeito singular. O panóptico do Museo será o escenario de gravación de Efervesciencias, o programa da Radio Galega conducido por Manuel Vicente, nunha sesión aberta ao público que une o potencial dos avances tecnolóxicos coa innovación e a enerxía da mocidade. Paralelamente, no Espazo Anexo (Laboratorio das Artes), os obradoiros para público infantil xirarán ao redor da mostra de Alfonso Galván, recentemente inaugurada no 1º andar. Finalizamos a fin de semana o domingo 18, cunha actividade de Ciencia en familia conducida por Estíbaliz Espinosa del Río.
PROGRAMACIÓN DIM 2025 no MARCO
XOVES 15 maio
IV Xuntanza de Bibliotecas, Arquivos e Centros de Documentación de Vigo
Xornada técnica para profesionais de Bibliotecas, arquivos e centros de documentación
Organiza: Biblioteca-Centro de documentación do MARCO
Salón de actos
De 9.30 a 13.40
Previa inscrición a través do email 👉 centro.documentacion@marcovigo.com
Logo de tres edicións destas Xuntanzas, que brindaron ás persoas responsables dos centros a posibilidade de se coñecer e de avanzar en proxectos comúns, a Biblioteca-Centro de documentación do MARCO quere dar un paso adiante e abrir a posibilidade de participación a calquera persoa relacionada coas Bibliotecas, Arquivos e Centros de Documentación de Vigo, sexa na actualidade ou nalgunha outra etapa da súa traxectoria.
Nesta ocasión, os dous relatorios principais estarán a cargo de representantes das Bibliotecas Municipais de Oleiros e do Espazo Lectura de Gondomar como institucións convidadas. O resto do programa, como en anos anteriores, está aberto a intervencións de 20 minutos dos centros ou proxectos da área de Vigo que se animen a presentar ás súas comunicacións.
VENRES 16 maio
PEDAGOXÍA E SOCIEDADE. Profesión, impacto e transformación
Organiza: COPEGAL. Asociación de Pedagoxía e Psicopedagoxía de Galicia, en colaboración co MARCO
Sala GALERÍA A3, planta baixa
De 17.00 a 20.30
De balde. Reservas de praza.
Coincidindo coa semana da Pedagoxía, e no contexto do Día Internacional dos Museos, unha xornada aberta a profesionais da educación, da saúde, e a calquera persoa interesada na transformación social a través de programas de inclusión. Un espazo de encontro e experiencias sobre temas clave como a orientación laboral, a educación dixital en colectivos vulnerables, e unha ronda de conversas arredor de catro temas clave: envellecemento, saúde mental, igualdade, e violencia.
En liña con estes contidos, o programa inclúe unha visita guiada á mostra “ÉRGUETE. A pegada das nais. Un berro que cambiou a sociedade”, nas salas do 1º andar do MARCO. A través dunha selección de materiais gráficos, obxectos e documentación, e das obras de once artistas contemporáneas, a mostra rende homenaxe ás nais de Érguete e sitúa en primeiro plano a súa loita, dando forma ao seu contexto político e social.
SÁBADO 17 maio Día das Letras Galegas
LUMES’Efervescentes
Gravación pública do podcast Efervesciencia sobre ciencia e tecnoloxía
Presentado e dirixido por Manuel Vicente
Organizado por Asociación Cultural no Meio e Meio, e coa participación de profesionais do ámbito da divulgación científica
PANÓPTICO / rotonda central do MARCO (planta baixa)
De 12.00 a 13.45
De balde. Previa inscrición en info@lumes.gal [ata completar capacidade]
Actividade accesible a persoas con discapacidade auditiva mediante intérprete lingua de signos (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia).
Presentado e dirixido por Manuel Vicente –doutor en Química inorgánica e divulgador–, o programa Efervesciencia emítese cada xoves ás 21 horas na Radio Galega. Nesta especial ocasión, coincidindo co Día das Letras Galegas e a véspera do Día Internacional dos Museos, a produción deste episodio nace froito da colaboración entre os equipos de Efervesciencia e do proxecto Lumes’ [Laboratorio urbano de músicas e enxeñería electrónica], elixindo o panóptico do MARCO como lugar central e cargado de simbolismo.
A sesión contará coas intervencións de:
• Sara Borges, responsable do programa de mediación e participación do Circuíto Braga Media Arts. Integrante do equipo de produción do Theatro Circo, a GNRation e o programa Faz Cultura.
• Luís Hernández, investigador da Universidade da Coruña, en áreas como visualización informática aplicada ao patrimonio histórico, museoloxía virtual, arquitectura e arqueoloxía dixital inmersiva.
• Mariam Debs, COO no departamento de Investigación, tecnoloxía e innovación, que inclúe a área de comunicación do Laboratório ibérico internacional de Nanotecnoloxía [INL] da Uminho.
• Lorena Diéguez, licenciada en Física pola USC, líder do departamento de investigación médica do INL da Universidade do Minho en Braga.
SÁBADO 17 maio Día das Letras Galegas
“Falamos en chinés?”
Obradoiros infantís arredor da mostra de Alfonso Galván
Espazo Anexo / Laboratorio das Artes (praza peonil posterior)
De 11.00 a 12.30 (de 3 a 6 anos) e de 12.30 a 14.00 (de 7 a 12 anos)
De balde. Previa inscrición en recepcion@marcovigo.com [ata completar capacidade]
Un obradoiro para público infantil inspirado nalgunhas das obras da exposición de Alfonso Galván. Percorremos as salas nun xogo de pistas no que descobriremos distintas formas de expresión escrita. A caligrafía como debuxo, e o debuxo como caligrafía. Exploramos a capacidade expresiva das liñas, e a presenza da natureza, de prantas e animais na obra dun artista cunha especial vinculación coa arte oriental e as súas formas de representación.
DOMINGO 18 maio
LUMES’ na Escola. Narración científica en familia
«Astros, satélites e mitoloxía clásica», con Estíbaliz Espinosa del Río
Para público infantil acompañado de persoas adultas
Organizado por Asociación Cultural no Meio e Meio, en colaboración co MARCO
PANÓPTICO / rotonda central do MARCO (planta baixa)
De 12.00 a 13.30
De balde. Previa inscrición en info@lumes.gal [ata completar capacidade]
Actividade accesible a persoas con discapacidade auditiva mediante intérprete lingua de signos (Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia).
Unha gran ocasión para mergullarnos no mundo dos astros e os satélites na mitoloxía clásica, da man da divulgadora e poeta coruñesa Estíbaliz Espinosa del Río. Maiores e pequenos gozarán desta sesión de narración científica en familia [Lumes’ na Escola] e das achegas musicais e poéticas da autora.
Poeta e escritora, mezzosoprano, artista multidisciplinar no seu sentido máis amplo, Estíbaliz Espinosa del Río dedícase á literatura e á divulgación científica, especialmente a astronomía. Entre as súas obras poéticas destacan Curiosidade, As neuronas irmás ou Papel a punto, entre outras publicacións.