Leyendo ahora
FERNANDO CASTRO PAREDES GAÑA O PREMIO GALAXIA DE NOVELA 75 ANOS CON » O LANZADOR DE COITELOS»

FERNANDO CASTRO PAREDES GAÑA O PREMIO GALAXIA DE NOVELA 75 ANOS CON » O LANZADOR DE COITELOS»

A obra, un thriller literario de gran calidade, explora a identidade e a
memoria nunha sociedade opresiva.



No Día do Libro, mércores 23 de abril, celebrouse, ás 11 h, na sede de
Editorial Galaxia, unha rolda de prensa na que se deu a coñecer o fallo
do Premio Galaxia de Novela 75 Anos, o galardón literario de maior
dotación económica en Galicia.



O xurado, presidido pola catedrática e conselleira da editorial, Dolores
Vilavedra Fernández e composto por Marcos Calveiro, como secretario;
Ramón Nicolás Rodríguez, escritor, profesor e crítico literario; Tensi
Gesteira Estévez, xornalista e crítica literaria; e Inma Otero Varela,
escritora, profesora e crítica literaria; decidiu por maioría outorgar o
premio á obra «O lanzador de coitelos», da autoría de Fernando Castro
Paredes.



A novela, segundo destacou o xurado, sobresae pola súa elevadísima
calidade literaria e pola forma brillante na que está escrita, atrapando
o lector nunha atmosfera desacougante. Enmarcada no xénero do thriller,
«O lanzador de coitelos» aborda cuestións complexas, como a memoria
(individual e colectiva), a liberdade, a identidade e o control social
levado ata extremos humillantes. O texto articúlase como un xogo
metaliterario e de máscaras, no que se reivindica tamén a relación entre
a arte e o fracaso.

Por outra banda, o xurado quixo destacar tamén a numerosa participación
e o alto grao de calidade das obras concorrentes.

Ver también



Na rolda de prensa participaron Dolores Vilavedra, presidenta do xurado;
Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia; Marcos Calveiro,
director de Edicións; e o gañador, Fernando Castro Paredes.

Fernando Castro Paredes sinalou que «en ningún momento pensou que este
texto puidese ter un recoñecemento desta embergadura», o que tildou como
«un premio histórico», poñendo en valor «o orgullo inmenso que sente por
poder recibir este galardón».

Dolores Vilavedra destacou durante a súa intervención que o xurado
seleccionado «representa un abano interxeracional diverso, no que houbo
moito intercambio de puntos de vista; facéndose presente a voz das novas
xeracións, e tamén unha diversidade e pluralidade de criterio».

Xosé M. Soutullo fixo fincapé en que «o premio será presentado no Hotel
Compostela, en Santiago, porque alí foi cando o 25 de xullo de 1950,
tivo lugar a asamblea de constitución de Galaxia».

Marcos Calveiro puxo en valor a alta calidade literaria da obra. 

Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) é profesor de Ensino
Secundario. Desenvolve unha ampla actividade no eido do teatro escolar e
afeccionado como coordinador da agrupación Tuéjele Teatro do IES
Fernando Blanco de Cee e membro do grupo Farándula Velutina. Como
dramaturgo, foi recoñecido con galardóns como o Premio Rafael Dieste, o
Álvaro Cunqueiro e o Roberto Vidal Bolaño. Entre as súas obras destacan
«A derradeira bala» (Editorial Galaxia, 2018), «Papiroflexia» (Editorial
Galaxia, 2021), «Pallaso», «Sincronizadas» e «Ofelia ou o cabeiro da
cóbrega». No ámbito narrativo, publicou «Miss Antropía» na colección
Costa Oeste de Galaxia e en 2023 foi recoñecido co Premio García Barros
por «Entomoloxía para misioneiros».

Vuelve al comienzo