Now Reading
FESTIVAL TEATRO GORRILLA POLAS LETRAS GALEGAS

FESTIVAL TEATRO GORRILLA POLAS LETRAS GALEGAS

FESTIVAL TEATRO GORRILLA

O próximo sábado 17 de maio voltamos ao barrio de Churruca para convertir os bares en salas de teatros, acollendo 3 propostas escénicas en 3 espazos diferentes polo día das letras galegas.

Comezamos ás 19h no Tinta Negra, Rúa dos Irmandiños, 2; continuamos ás 20h en A Casa de Arriba, Rúa Martín Códax,23; ás 21.30h baixamos ao Arco da Vella, Rúa Churruca,2.

A presentación das artistas non é a orde na que van actuar, xa que vos convidamos a que veñades a todo, polo que non desvelaremos a hora de actuación das artistas!

Contaremos coa presenza de:

DANIEL LEZSO, que ven dende Santiago de Compostela para traer ao Gorrilla o seu espectáculo de danza:

“Meu Rei”

Un corpo humano, unha ferramenta que rexistra na carne, na pel e na alma as súa experiencias vitais.

Meu Rei desdebuxa a concepción de xénero empregando o espazo como lenzo e a súa corporalidade como artefacto executor. Explora as distintas formas de expresión dende unha conciencia aberta a ocupar novos lugares; constrúe novas relacións coa súa anatomía, reconquistando os espazos colonizados pola visión do sistema cisheteropatriarcal. A peza nace na profundidade dun sentimento escuro coa necesidade de purgar a toxicidade acumulada nun corpo maltratado pola imaxe allea.

O movemento físico retrata unha distorsión do «ser home/muller”que dialoga coa contrariedade de «ser/existir» fóra da predisposición social. É unha metamorfose escura do ser e, ao mesmo tempo, encarna un prisma que salvagarda as emocións e a identidade alén do espectro de xénero.

NU.EVA x RAQUEL FERRADÁS, música e danza xogando á improvisación nesta sinerxia única e especial. Eva Comesaña aka Nu.Eva é bailarina e deejay e xunto á bailarina Raquel Ferradás crearán unha improvisación en torno á música que Eva irá compoñendo no momento e Raquel tomará como fio para danzar e xerar unha atmósfera única.

BOREADA TEATRO, compañía de teatro cómico e contemporáneo formada pola actriz Andrea Pico e a dramaturga Diana Longa, que nos presentan a súa peza
“A vaca mirando ao mar”
Nesta ocasión as intérpretes serán Sandra Nufi e Andrea Pico, e na dirección e dramaturxia Diana Longa.

Non querrás que cho conten, por iso tes que vir este sábado 17 de maio dende ás 18h ata ás 22h ao barrio de Churruca, e non perderte ningunha proposta!

A entrada será inversa 🧢

See Also

Ao sair o público fai unha achega monetaria, valorando por si propio o traballo das artistas e organización.

Mínimo recomendado para cada peza de 4€✨️

Teatro Gorrilla é un proxecto autoxestionado e alternativo que Sergio Llauguer, Laura Merchán e Eva Comesaña levan a cabo, pretende transformar e democratizar a cultura na cidade olívica, levando propostas contemporáneas de artes escénicas aos bares, lugares cheos de vida que apoian o arte a través de múltiples concertos, por iso, queren que as artes escénicas tamén teñan presenza nestes espazos non convencionais, e así, visibilizar novas propostas de artistas independetes da Galiza.

Este proxecto comeza como resposta á baixa visibilidade das artes escénicas e a escaseza de espazos para a sua práctica e desfrute na cidade de Vigo. O funcionamento de taquilla inversa, é a de aportar polo espectáculo unha vez sexa disfrutado e así valorar canto queres pagar por él.

Isto está inspirado no teatro de rúa onde se pasa “pasa a gorra”.

Nos vemos coa gorra posta!

Scroll To Top