Now Reading
O FESTIVAL VILADOMAR, MÁIS AlÁ DOS MUROS celebra a súa 6ª edición en Rianxo afondando na arte pública e o muralismo galego, coa participación dun artista vigués e outro de O Porriño

O FESTIVAL VILADOMAR, MÁIS AlÁ DOS MUROS celebra a súa 6ª edición en Rianxo afondando na arte pública e o muralismo galego, coa participación dun artista vigués e outro de O Porriño

A localidade mariñeira de Rianxo acolle a 6ª edición de Viladomar, máis alá dos muros, un festival de arte pública que, desde 2018, aposta pola transformación do espazo urbano a través da creación colectiva, o muralismo contemporáneo e o diálogo coa veciñanza.

Coordinado pola Asociación Cultural Ondiñas Mainas, o festival Viladomar, máis alá dos muros desenvólvese en colaboración co Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña. Celebrarase entre o 3 e o 13 de xullo de 2025 e contará con catro novas intervencións murais que se sumarán ao museo ao aire libre que medra nas rúas da vila desde hai seis anos. Xunto a elas, desenvolverase unha programación de actividades culturais, entre as que destacan roteiros guiados, obradoiros ou un paseo en barco pola ría.

Desde os seus inicios, Viladomar defende unha arte pública accesible, crítica e en contacto coa realidade local. O festival consolidouse como un espazo de encontro entre artistas, veciñanza e territorio, no que a pintura mural actúa como ferramenta de transformación colectiva e expresión contemporánea. A súa identidade foi construída desde abaixo, apostando por procesos colaborativos e por poñer en valor a creación artística no ámbito rural e costeiro.

Nesta nova edición participarán catro artistas que representan diferentes xeracións, estilos e linguaxes dentro da escena mural galega actual, cun forte vínculo coa contorna e co carácter público e social da arte.

Lúa Gándara, artista de O Porriño, afonda na relación entre o corpo, o espazo e a intuición. A súa obra, de linguaxe abstracta, constrúe paisaxes mentais a través do equilibrio e a cor. Formada en Belas Artes e cunha gran traxectoria expositiva, achegará ao festival unha mirada libre, intuitiva e contemporánea. A súa participación en Viladomar marcará a súa primeira intervención mural no espazo público.

Yoseba MP, pintor de Cambre afincado en Santiago, traerá a súa particular visión do rural galego. Coñecido pola serie Fenómenos do rural, converte ás avoas galegas en superheroínas urbanas, nun exercicio de realismo, ironía e homenaxe á memoria colectiva. A súa obra destaca polo estilo fotorrealista e unha pincelada suxestiva e expresiva.

See Also

Pelucas Bubles, artista multidisciplinar nado en Vigo, propón un universo visual único e inconfundible. A súa obra, que abrangue muralismo, instalación, cerámica e escultura, mestura humor, crítica social e mitoloxía persoal. Con experiencia internacional, especialmente en México, achegará a Rianxo unha intervención aberta á intuición, ao contexto e á transformación do espazo.

Xoana Almar, muralista e ilustradora compostelá, forma parte da cooperativa Cestola na Cachola. O seu traballo está centrado na representación de personaxes femininas con formas sinxelas e expresivas que transmiten forza, tenrura e historias cotiás. A súa proposta conecta o muralismo co compromiso social e o legado plástico galego desde unha mirada feminista.

Durante os próximos días, o festival anunciará nas súas redes sociais o calendario detallado das actividades, as localizacións das intervencións e as propostas paralelas. A programación dará comezo cun acto inaugural institucional o xoves 3 de xullo ás 11:00 h no Salón de Plenos do Concello de Rianxo, no que participarán representantes do Concello, da Deputación da Coruña e da organización do festival.

Scroll To Top