Now Reading
OUR FEST 27 DE SEPTIEMBRE EN OURENSE

OUR FEST 27 DE SEPTIEMBRE EN OURENSE

OUR FEST PRESENTA O PERCORRIDO ARTÍSTICO DA SÚA CUARTA EDICIÓN O 27 DE SETEMBRO EN EXPOURENSE   Unha soa xornada que arrinca a media tarde e desemboca na madrugada. Un percorrido comisariado que transita do punk combativo e o post-hardcore á psicodelia, o rock e a electrónica de culto. Pensado para gozarse de principio a fin.

Seis nomes con identidade propia -Kruder & Dorfmeister, Happy Mondays, Mercury Rev, León Benavente, Viva Belgrado e Dream Nails- nunha única data en Expourense. Do legado Madchester e a psicodelia de culto ao mellor rock estatal e ás novas escenas independentes.

OUR FEST conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e coa colaboración da Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e Estrella Galicia. Entradas dispoñibles en ourfest.gal e ataquilla.com por 40 € + gastos de xestión.
Suede en OUR FEST 2023. Fotografía de Sergio Albert.
A cuarta edición de OUR FEST terá lugar o sábado 27 de setembro en Expourense, con seis actuacións encadeadas nun único recinto. A curaduría debuxa un percorrido desde a tarde ata a madrugada que transita do punk combativo e o post-hardcore á psicodelia e ao rock eléctrico, e culmina nunha clausura electrónica de culto. Un cartel con bandas de referencia nos seus estilos –Kruder & Dorfmeister, Happy Mondays, Mercury Rev, León Benavente, Viva Belgrado e Dream Nails– que condensa nunha soa xornada diferentes xeracións e escenas.

OUR FEST conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia no marco de Concertos do Xacobeo 2025, e coa colaboración da Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e Estrella Galicia. Un tecido institucional e privado que permite soster unha programación singular e potenciar o impacto cultural e turístico do evento na cidade.

Como cada setembro, Ourense actívase arredor do festival: a hostalaría e o comercio axustan oferta, e o público atopa tamén unha cidade que convida a alongar a fin de semana entre termas, gastronomía e vida cultural. A música funciona aquí como punto de encontro e como escaparate dunha cidade que coida os detalles para acoller unha nova edición dun festival de referencia.

As portas de Expourense abriranse ás 17:00 horas para recibir ás primeiras persoas asistentes. Media hora máis tarde, ás 17:30 horas, Dream Nails inaugurarán o escenario de OUR FEST cun arranque tan luminoso como combativo. O trío londiniense consolidouse como unha das bandas máis relevantes do punk queer e feminista en Europa, reivindicando os concertos como espazos seguros onde se canta, se baila e se comparte desde a primeira fila. Tras o seu debut homónimo e a publicación de Doom Loop, a crítica británica (Kerrang!, NME) situounas como axitadoras necesarias da escena independente. As súas letras incisivas, cargadas de ironía política e humor afiado, entrelázanse cun directo vibrante que converte cada pogo en comunidade. En Ourense, a súa combinación de crudeza e celebración marcará o ton dun festival que comeza con toda a enerxía en alto.

A xornada continuará ás 18:45 horas con Viva Belgrado, que presentará en Expourense o seu novo disco, “Cancionero de los cielos” (2024), elixido entre os mellores traballos do ano por RockZone. A banda cordobesa, con máis dunha década de traxectoria e xiras por máis de trinta países, soubo transformar o post-hardcore nunha linguaxe propia, cargada de tensión lírica e catarse sonora. O seu directo é unha experiencia de contrastes: do murmurio íntimo ao estoupido abrasivo, con dinámicas que medran en oleadas e desatan un torrente emocional compartido. Con este novo repertorio, que amplía aínda máis as marxes do seu son, chegarán a Expourense nun dos momentos máis sólidos da súa carreira.

O relevo chegará ás 20:15 horas da man de Mercury Rev, que despregarán a súa inconfundible psicodelia expansiva mentres presentan o seu novo traballo discográfico, “Born Horses” (2024). O grupo de Buffalo, que acadou recoñecemento global con obras mestras como “Deserter’s Songs” ou “All Is Dream”, regresa cun álbum no que reforza a súa particular mestura de atmosferas delicadas e arranxos envolventes. Os seus concertos, aclamados por medios como Rolling Stone ou The Guardian, caracterízanse por crescendos orquestrais e un sentido case cinematográfico da emoción. En Ourense, a súa proposta funcionará como unha viaxe inmersiva na que conviven clásicos de culto e novas composicións, abrindo un treito central da xornada que convida a escoitar en grande.

A intensidade acadará o seu punto álxido ás 21:45 horas con León Benavente e o seu rock eléctrico de alto voltaxe. Con máis de dez anos de traxectoria, a banda construíu un cancioneiro imprescindible na música en castelán, sustentado en discos como “León Benavente”, “2”, “Vamos a volvernos locos” ou “ERA”. O seu directo é magnético: baixo e batería como columna vertebral, guitarras afiadas e unha voz que sabe xogar entre a crudeza e o baile colectivo. Presentarán en Expourense o seu traballo máis recente, “Nueva sinfonía sobre el caos” (2024), un álbum que condensa a tensión política, a enerxía visceral e a pulsión bailable que caracteriza á banda. Será o momento no que todo o recinto se converta nun coro unánime.

Ás 23:25 horas, Happy Mondays devolverán Ourense ao espírito irreverente do Madchester, o movemento que revolucionou a música británica nos noventa coa súa fusión de rock, funk, psicodelia e cultura de club. Con Shaun Ryder e Bez á fronte, os de Manchester asinaron himnos atemporais como “Step On” ou “Kinky Afro”, incluídos no lendario “Pills ’n’ Thrills and Bellyaches” (1990). O seu directo é pura celebración: descaro, groove e actitude contaxiosa que converten a madrugada nunha festa sen concesións.

E xa ás 00:45 horas, Kruder & Dorfmeister porán o broche de ouro en formato DJ Set, un peche que promete ser de culto. O dúo vienés revolucionou a electrónica de finais dos noventa con “The K&D Sessions” (1998), álbum considerado referencia absoluta do downtempo e o trip hop, e segue a ser influente pola súa capacidade para transformar a pista de baile nunha paisaxe envolvente. Baixos elásticos, ritmos hipnóticos e texturas atmosféricas constrúen sesións que son tanto viaxe introspectiva como explosión de groove colectivo. A súa actuación en Expourense coroará a cuarta edición de OUR FEST cun final elegante, hipnótico e inesquecible.
Con edicións anteriores que congregaron milleiros de persoas e un efecto tractor sobre a economía local, OUR FEST reforza cada ano o vínculo entre música e territorio. Os restaurantes e os comercios prepáranse para unha gran xornada mentres a cidade se amosa a visitantes e veciños coa súa mellor cara..

As entradas para OUR FEST 2025 continúan dispoñibles en www.ourfest.gal e www.ataquilla.com, cun prezo de 40 euros (+ gastos de xestión).
Scroll To Top