Leyendo ahora
TANXARINA COMPAÑÍA DE TÍTERES, NOVA MONTAXE TEATRAL NO 75 ANIVERSARIO DE EDITORIAL GALAXIA NO 2025.

TANXARINA COMPAÑÍA DE TÍTERES, NOVA MONTAXE TEATRAL NO 75 ANIVERSARIO DE EDITORIAL GALAXIA NO 2025.

O rato que coida da Biblioteca Galáctica descobre que unha ameaza se
torna sobre os personaxes dos libros infantís dos seus andeis. Nunha
loita contra o reloxo, o rato bibliotecario Ramón Lamote e Sara deberán
loitar contra o malvado profesor Smith e a súa IA fantástica para
liberar os seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado da súa
maléfica influencia.

Tanxarina ofrécenos nesta montaxe teatral un espectáculo para lembrar.

Nesta disparatada e trepidante comedia hai aventuras, cancións e moito
humor co que a rapazada rirá ás gargalladas.

A adaptación teatral da novela de Carlos Labraña é un canto á amizade, á
solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da palabra escrita
fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e
a fantasía.

Tanxarina Teatro e o dramaturgo Carlos Labraña unen as súas forzas para
levar ao escenario un divertido espectáculo de marionetas protagonizado
por algúns dos personaxes máis senlleiros da literatura infantil galega.

Este esforzo conxunto de Tanxarina e Carlos Labraña nace por encargo da
Editorial Galaxia para celebrar o 75 aniversario no ano 2025. Un
agasallo para que os rapaces e rapazas recuperen o pracer da lectura e
os soños e as experiencias que nacen dela.

Ver también

Tanxarina é unha compañía de teatro de monicreques galega, con máis de
corenta anos de traxectoria artística. Combinan a manipulación de
bonecos co traballo actoral, música e animacións diversas. Contan
historias con “retranca” para público infantil e familiar. Para facer
rir e facer pensar. Contan con seis premios de teatro María Casares, en
distintas categorías, por varios dos seus espectáculos e participaron en
festivais por Europa e América con grande éxito de público e crítica.

Carlos Labraña é un recoñecido autor de teatro infantil. Dentro da súa
traxectoria, pódense salientar: «O valo, sobre o drama dos refuxiados»;
«Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada, comedia ácida sobre a
crise económica» (Premio de Teatro na Gala do Libro, 2017), «Contra o
reloxo», que fala do tempo e da perda (Premio Martín Sarmiento, 2023),
«Mambrú volveu da guerra» (Premio SGAE 2022), texto para a recuperación
da memoria histórica democrática, e a súa máis recente publicación,
«Ícaras» (Premio O Facho 2022), sobre o drama social dos
desafiuzamentos.

Duración: 50 minutos

Vuelve al comienzo