A Real Academia Galega recoñece no Día das Letras Galegas 2026
a traxectoria da escritora e xornalista viguesa
Xerais publica este ano dous títulos arredor da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026. Begoña Caamaño foi unha
escritora excepcional que fixo da palabra un acto de rebeldía e sororidade. Deste
xeito, Beatriz Maceda e Eva Mejuto son as autoras dos dous volumes cos que a
recordaremos. En primeiro lugar, Xerais lanzará unha biografía sinxela e
accesible para todas as idades, que formará parte da colección Merlín co título
Begoña ou o pracer da amizade. Por outra parte, Eva Mejuto asina xunto á
ilustradora Nuria Díaz un álbum ilustrado de 40 páxinas que repasa de maneira
accesible a traxectoria como xornalista, escritora, e tamén como activista, de
Begoña Caamaño. Ambos libros chegan ás librarías o xoves, 15 de xaneiro.
Estas son as nosas propostas para celebrar o vindeiro 17 de maio:

Begoña ou o pracer da amizade, de Beatriz Maceda
Nesta biografía novelada, catro voces míticas -Circe, Penélope, Morgana e Xenebra-
reúnense para narrar a vida desta autora fundamental, desde a súa infancia en
Vigo ata o seu papel clave na cultura galega contemporánea. Xornalista, activista
e escritora, Begoña Caamaño loitou pola igualdade, a dignidade e a liberdade nunha Galicia en transformación, tecendo redes de amizade e compromiso. Un relato apaixonante que nos convida a descubrir a forza da amizade, a importancia da memoria e o poder das mulleres que, como Begoña, lles devolveron a voz ás
esquecidas.

Os fíos de Begoña, de Eva Mejuto ilustrado por Nuria Díaz
A vida de Begoña Caamaño foi un fío extraordinario que se pode seguir nas páxinas
desta biografía ilustrada. Desde a súa infancia inventando xogos ata converterse
nunha das voces máis importantes da radio, do activismo e da literatura
galega, Begoña loitou sempre pola xustiza, polo galego e pola igualdade, tecendo
redes de amizade e escribindo. Nas súas obras, deulles voz e puxo no centro a
mulleres que a literatura deixara nun segundo plano. O fío de Begoña rompeu
cedo de máis, pero os fíos da memoria permanecen e manteñen vivo o legado dunha figura clave na cultura galega contemporánea.