Now Reading
DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS. MUSEO MARCO DE VIGO.

DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS. MUSEO MARCO DE VIGO.

DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS“Museos unindo un mundo dividido”Programación especial do venres 15 ao domingo 17 de maio
Cando se aproxima o Día Internacional dos Museos, centros de todo o mundo preparan a celebración do 18 de maio, en liña co lema elixido polo ICOM para esta edición, que coincide co seu 80º Aniversario: “Museos unindo un mundo dividido”. O tema destaca o potencial dos museos para actuar como pontes entre as divisións culturais, sociais e xeopolíticas, fomentando o diálogo, o entendemento, a inclusión e a paz dentro e entre as comunidades.
PROGRAMACIÓN DIM 2026 no MARCO Do venres 15 ao domingo 17 de maio
Neste 2026, o MARCO celebrará o Día Internacional dos Museos cun programa especial de actividades para distintos públicos, que se desenvolverá na fin de semana do 15 ao 17 de maio. Comezará o venres 15 cunha sesión do proxecto “Entear Memorias”, conducido por Patricia Gestoso Abraín, que nesta ocasión se verque ao exterior, en torno á fachada principal do Museo, como convite aberto a calquera persoa que queira participar nesta experiencia.
O sábado 16, o programa previsto céntrase na grande exposición individual de Alberto Ardid. “Hai un lugar”, recentemente inaugurada na planta baixa, con obradoiros para público infantil e familiar, e un percorrido por salas en compañía do artista, aberto ao público en xeral.
Xunto á mostra de Ardid, a partir deste sábado a Galería A3 da planta baixa acolle a apertura dunha nova mostra de produción propia, que reúne obras dos artistas Jorge Macchi (unha delas pertencente á Colección MARCO), Jonathan Hernández, e Enrique Ježik.
O domingo 17, Día das Letras Galegas, será a data de clausura de “Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia”, un proxecto expositivo e editorial que se completa cun catálogo publicado por Galaxia con textos, documentación e imaxes da mostra.
Scroll To Top