Now Reading
Xornada conmemorativa do V centenario do nacemento de Luís de Camões, en Vigo

Xornada conmemorativa do V centenario do nacemento de Luís de Camões, en Vigo

O 15 de xuño celebrarase na sede da Fundación Penzol, na Casa Galega da
Cultura de Vigo, unha xornada conmemorativa do V centenario do nacemento
de Luís de Camões.

Os actos, que terán lugar en sesións de mañá e tarde, están organizados
pola Fundación Penzol, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia
Galega e a Estrutura de Missão para as Comemorações do Nascimento de
Luís de Camões, e contan coa colaboración do Concello de Vigo, o
Consulado-Geral de Portugal em Vigo e o Camões-Centro Cultural Português
em Vigo.

12:30 h. Apertura e inauguración da exposición:
«De aquí o xerme saíu. Presenzas galegas de Camões no V centenario do
seu nacemento»

Intervirán Manuel Puga Pereira, presidente da Fundación Penzol; Dolores
Vilavedra, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega; Henrique
Monteagudo, presidente da Real Academia Galega; João Bezerra da Silva,
cónsul xeral de Portugal en Vigo; Joaquim Coelho Ramos, comisario xeral
adxunto para as Comemorações do V Centenário do Nascimento de Luís de
Camões; Xosé Manuel Dasilva, subdirector da Fundación Penzol e comisario
da exposición; e representación da Alcaldía de Vigo.

A exposición céntrase na orixe galega de Camões, o seu papel como
referente na cultura galega e a súa influencia nas nosas letras. Un
último panel trata sobre os importantes fondos bibliográficos que posúe
a Fundación Penzol do seu patrimonio literario, así como de estudos da
súa obra e da recepción da súa figura en Galicia. Unha selección desa
bibliografía presentarase en catro mesas-vitrina, xunto con valiosa
documentación, entre a que salienta un documento do século
XIV, un privilexio de Enrique III privando a Vasco Pérez de Camões,
tataravó do poeta, do seu señorío da vila de Baiona.

16:30 h. Sesión de tarde:

1. Apertura: Xosé Manuel Soutullo, director da Fundación Penzol.
2. Presentación do libro «Camões en Galicia» (Galaxia, 2026), de Xosé
Manuel Dasilva, catedrático na Facultade de Filoloxía e Tradución da
Universidade de Vigo.
3. Conferencia «O galego en Portugal no século de Camões», por Henrique
Monteagudo, catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da
Universidade de Santiago de Compostela.
4. Conferencia «Um dia Camões nasceu e nunca mais morreu: mecanismos de
preservação da memória literária no século XXI», por Micaela Ramon,
profesora do Departamento de Estudos Portugueses e Lusófonos da
Universidade do Minho.
5. Conferencia «Inquietação e conhecimento na poesia de Camões (“Matéria
perigosa?”)», por José Carlos Seabra Pereira, profesor da Facultade de
Letras da Universidade de Coimbra.

18:30 h. Recital poético-musical:

Coordinado por Marilar Aleixandre, directora da Sección de Literatura da
Real Academia Galega, coa participación de Henrique Monteagudo, Chus
Pato, Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre, Claudia Morán, Rexina Vega e
Fina Casalderrey.

Pechará César Morán coa interpretación de «Verdes são os campos», poema
de Camões musicado por José Afonso.

20:00 h. Ofrenda floral

Na praza de Portugal de Vigo, diante do busto de Camões, organizada polo
Consulado-Geral de Portugal, coa asistencia de representantes das
entidades organizadoras e colaboradoras.



Scroll To Top