Now Reading
A EPAPU NELSON MANDELA ACADA O SEGUNDO PREMIO EUROPEO EUROPRIS CO SEU PROXECTO DE BIBLIOTECAS HUMANAS

A EPAPU NELSON MANDELA ACADA O SEGUNDO PREMIO EUROPEO EUROPRIS CO SEU PROXECTO DE BIBLIOTECAS HUMANAS


A EPAPU Nelson Mandela, centro educativo público dependente da Consellería de
Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e situado no interior
do Centro Penitenciario da Lama, vén de acadar o segundo posto nos premios
europeos EuroPris grazas ao seu proxecto de Bibliotecas Humanas.


Os premios EuroPris son uns recoñecementos promovidos por EuroPris, a
organización europea que reúne administracións e profesionais do ámbito
penitenciario de numerosos países para compartir coñecemento, impulsar a
innovación e promover as mellores prácticas en materia de rehabilitación e
reinserción social. A través dos seus galardóns distingue anualmente as iniciativas
máis destacadas desenvolvidas nas prisións europeas, situando o proxecto da
EPAPU Nelson Mandela entre as experiencias de referencia no ámbito
penitenciario europeo.
As Bibliotecas Humanas constitúen unha iniciativa educativa e social na que o
alumnado privado de liberdade se converte en «libros humanos», compartindo en
primeira persoa as súas historias de vida con diferentes colectivos da sociedade.
O obxectivo é fomentar o diálogo, a empatía e a eliminación dos prexuízos
asociados á prisión, contribuíndo á inclusión social e á futura reinserción das
persoas participantes.
Este ano, o proxecto celebrou a súa quinta edición, consolidándose como unha
das actividades máis emblemáticas da EPAPU Nelson Mandela e como un
referente da educación en prisións. Ao longo destes anos, centos de persoas
participaron como lectoras, coñecendo a realidade penitenciaria desde unha
perspectiva humana e favorecendo a creación de espazos de encontro, reflexión e
aprendizaxe compartida.
O éxito da iniciativa permitiu que a experiencia traspasase as fronteiras galegas.
Grazas aos proxectos Erasmus+ desenvolvidos pola escola, as Bibliotecas
Humanas chegaron a Portugal, onde foron adaptadas mantendo a súa esencia e
os seus obxectivos. Ademais, o proxecto foi replicado en escolas situadas en
centros penitenciarios da Comunidade Valenciana e do País Vasco,
converténdose nun exemplo de boas prácticas dentro da educación penitenciaria.
Este recoñecemento europeo chega un ano despois de que as Bibliotecas
Humanas obtivesen o primeiro premio da Consellería de Educación ás boas
prácticas inclusivas, un galardón que xa puxera en valor o potencial da educación
como ferramenta de inclusión e transformación social nun contexto tan singular
como o penitenciario.


Un dos piares fundamentais das Bibliotecas Humanas é a colaboración do Museo
de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), que leva apoiando o proxecto desde a
súa primeira edición. A elección deste espazo ten un profundo valor simbólico, xa
que o edificio foi durante décadas cárcere e Palacio de Xustiza da cidade de Vigo
antes da súa transformación en museo. Grazas á implicación do MARCO, as
Bibliotecas Humanas atoparon un escenario privilexiado para tender pontes entre
a prisión e a sociedade, convertendo un antigo espazo de privación de liberdade
nun lugar de encontro, diálogo, cultura e inclusión.
Para a comunidade educativa da EPAPU Nelson Mandela, este segundo premio
europeo supón un importante recoñecemento ao traballo desenvolvido polo
alumnado, o profesorado e todas as entidades colaboradoras durante estes cinco
anos. O galardón demostra que a educación é unha das ferramentas máis
eficaces para favorecer a inclusión social e a reinserción das persoas privadas de
liberdade e converte unha iniciativa nacida nunha escola pública galega nun
referente europeo de innovación educativa e social. Este recoñecemento pon
tamén en valor o compromiso das institucións e entidades colaboradoras que, co
seu apoio, fixeron posible que o proxecto acadase unha dimensión autonómica,
estatal e europea.
A EPAPU Nelson Mandela continuará impulsando este proxecto nos vindeiros
cursos, mantendo o seu compromiso cunha educación pública, inclusiva e
transformadora, capaz de tender pontes entre a prisión e a sociedade e de
demostrar que as segundas oportunidades son posibles.

Scroll To Top