Leyendo ahora
LETRAS GALEGAS : LUISA VILLALTA, POETA … E MOITO MÁIS!

LETRAS GALEGAS : LUISA VILLALTA, POETA … E MOITO MÁIS!


| Texto : Pepo Lobeira. Fotos: Editorial Galaxia.

“Sen dúbida, Luisa Villalta é unha poeta moi admirada e constitúe un referente para moitas das autoras dos 90 e tamén das promocións posteriores, até as mais novas de hoxe en día. Non hai máis que ver as veces que a citan nos seus versos, en entrevistas ou nos escritos que lle teñen dedicado para decatarnos de que así é”. Quen así se expresa é o crítico literario Armando Requeixo, responsable da edición de “Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004)”, libro publicado por Galaxia uns meses antes de que a Real Academia Galega elixise á escritora coruñesa como autora homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano 2024. No citado volume, Requeixo recupera os catro títulos que Luisa dispuxo en vida para a súa publicación: “Música reservada” (1991), “Ruído” (1995), “Rota ao interior do ollo” (1995) e “En concreto” (2004), obras que a converteron nunha das voces máis importantes da poesía galega do noso tempo, consagrándoa como unha creadora singular e, como tamén se ten dito dela, “adiantada ao seu tempo”.


Luisa Villalta Gómez, (A Coruña, 15 de xullo de 1957- 6 de marzo de 2004), foi unha escritora, filóloga e violinista que, malia ser coñecida sobre todo como poeta, escribiu en prácticamente todos os xéneros literarios: teatro, narrativa de ficción, ensaio…Tamén fixo traducións e escribiu artigos xornalísticos en varias publicacións, nomeadamente no semanario A Nosa Terra, textos que tamén veñen de ser rescatados no “Libro das colunas”, recentemente editado por Galaxia.


Escritora, así pois, prolífica e versátil, a súa experiencia musical tamén influíu na súa creación literaria, feito do que deixou constancia no ensaio “O outro lado da música, a poesía” e en numerosos artigos xornalísticos nos que fala da relación entre a palabra e a música, e da súa experiencia personal nos momentos de creación.

Paralelamente á súa traxectoria como autora, desenvolveu unha intensa actividade cultural, participou en seminarios, en recitais de poesía, deu conferencias… “Na súa obra -escribe Silverio Cerradelo na súa biografía para o Álbum de Galicia do Consello Galego da Cultura- tamén estivo presente a consciencia de ser muller, de vivir nunha sociedade onde os homes e as mulleres están marcados de maneira moi diferente polo feito de selo”. Neste senso, nos seus textos tense referido á vida das putas, empregando esta palabra sen rubores e con toda a dignidade.
Luisa Villalta morreu 6 de marzo de 2004, a causa duna meninxite, á idade de 46 anos.

Ver también

Vuelve al comienzo
X