
Xerais traballa xa en boa parte dos libros que se publicarán ao longo de 2026, un ano que traerá novelas negras, as óperas primas de novas autoras e a continuación de varias das series infantís que son clásicos na editora.
No ámbito da narrativa, só nuns días, o 15 de xaneiro, publicarase a nova novela de
Xabier Quiroga, Alguén ao lado, ambientada en Marrocos, unha oda á amizade e
á dificultade que teñen as persoas para amarse e entenderse. Ademais, Xesús Fraga
e Xerardo Quintiá asinan unha obra epistolar, Tempo de correspondencia, e, na
colección de poesía, Ramón Romero Nogueira explora o universo millennial en
Millenialismo ou sátira dunha xeración.

Porén, a novela negra e o thriller terá especial relevancia ao longo de 2026, con
obras como Mañá, cando sexamos luns, de Xaquín Núñez. Con ela, o experto en
novela negra estréase como autor de ficción no mes de febreiro. Xa en marzo, chega ás librarías María Solar coa súa novela As malas ideas, un thriller con toques de humor e crítica social que podería encaixar na etiqueta cozy crime. Tamén en
marzo, un thriller histórico, O Pazo das Marismas, de Alberte Blanco, fará viaxar
no tempo a lectores e lectoras, cunha trama ambientada nas Salinas do Ulló
(Vilaboa) en plena segunda guerra mundial. Esta obra foi finalista do Premio
Xerais de Novela 2025.

Ana Viéitez debutará con outro thriller en maio de 2026 titulado Pacto de
silencio. Con ela, en 2026 publicará a súa ópera prima a ourensá Valeria Caneda,
que trata o trauma da violencia sexual dende unha perspectiva poética na
novela Goma de borrar, e a canguesa Victoria Pinal, que publicará o libro de
relatos Tiña eu razón.

Xerais lanzará tamén a primeira novela de Miguel Calvo, As esquinas, en maio,
unha obra coa que acadou o Premio Pinto e Maragota pola Diversidade Sexual e de
Xénero. A xornalista Irene Lourido, pola súa parte, publicará O lado nobre do
corazón, o seu primeiro libro, tras gañar o Premio de Novela Curta Cidade de
Ribeira. Do mesmo xeito, a colección Narrativa acollerá a obra gañadora do
Premio Blanco Amor de Novela 2025, Boundaries Road, de Cecilia F. Santomé.
Outros autores como Fran Alonso ou Lois Pérez publicarán tamén cadansúa novela
na próxima primavera.

Ademais, no mes de xaneiro chega ás librarías a quinta entrega de Marcopola, co
título Marcopola 5. Terra dentro, unha serie de cómic de Jacobo Fernández
Serrano que comezou en 2012 e continúa neste 2026. Por outra parte, o can
influencer creado por Ledicia Costas, Curriño, volve coas súas aventuras en
febreiro nunha entrega titulada Salchichas picantes. Tamén Pere Tobaruela
publica o próximo mes a segunda parte do seu libro Mariña e o balón, titulado
Mariña e o balón. O primeiro gol.

Estas son só algunhas das novidades que traerá 2026, ademais de moitas outras
como dous volumes dedicados a repasar a biografía de Begoña Caamaño,
homenaxeada no día das Letras Galegas.
