| A nova creación de Thinking Up Events mestura maxia, danza e artes circenses para explorar o que queda cando se perde a ilusión e o que renace cando se recupera. Esta nova xira galega inclúe sete cidades e nove funcións, cunha estrea os días 12 e 13 de decembro no Teatro Jofre de Ferrol. As entradas xa están dispoñibles a través de www.reinventio.gal e www.ataquilla.com. |
![]() |
| Hai historias que non se contan con palabras, senón coa luz, o corpo e o movemento. Reinventio pertence a esa categoría: un espectáculo galego de gran formato que conxuga maxia, danza e artes circenses para transformar a ilusión nun relato visual e emocional. Tras o éxito de Inventio, a nova produción de Thinking Up Events propón unha viaxe escénica que explora o que queda cando se perde a ilusión e o que renace cando se recupera. Se Inventio era unha viaxe cara ao pasado esquecido, Reinventio é o retorno ao presente, á emoción máis próxima, á humanidade que sobrevive incluso cando todo se esvae. A maxia volve ser aquí o fío condutor, pero agora deixa de ser un truco visual para converterse nunha linguaxe poética. A través dun relato que combina números de ilusionismo, acrobacias imposibles, malabares, equilibrios sobre bastóns, danza contemporánea e números aéreos -nos que destaca o uso dunha técnica de suspensión capilar-, o espectáculo convida ao público a unha experiencia visual e sensorial que fala de vulnerabilidade, de esperanza e de redescubrimento. A coreografía corre a cargo de Mercedes Suárez e a compañía Druida Danza, que fusionan elementos de danza clásica e contemporánea nunha linguaxe visual e rítmica próxima ao cabaret estético, onde as imaxes se suceden a gran velocidade. Cunha duración de 90 minutos sen descanso, Reinventio propón unha viaxe continua e intensa, na que cada escena é un paso máis nese camiño simbólico da vida que conecta co espírito do Camiño de Santiago. Ese vínculo latexa en todo o espectáculo como metáfora da transformación persoal e da capacidade de reinventarse que define tamén o espírito do proxecto. |
![]() |
| Inventio © Ismael Miján |
| Cada función será unha oportunidade para deixar que o asombro volva ocupar o seu lugar. Reinventio non pretende explicar o mundo, senón recordarnos o que o fai habitable: a beleza, a emoción compartida, a capacidade de crer no que non se ve. Un espectáculo de Thinking Up Events, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia e da colaboración do Concello de Ferrol na súa estrea, que celebra o instante no que a maxia -esa palabra tan usada e tan pouco entendida- volve significar algo real. A xira galega 2025/2026 confirma nove funcións en sete cidades, un calendario que reflicte a ambición e a escala do proxecto. O espectáculo estrearase o 12 e 13 de decembro no Teatro Jofre de Ferrol, e nas semanas seguintes percorrerá os principais escenarios do país: Vigo (14 de decembro, Teatro Afundación), Ourense (20 de decembro, Auditorio Municipal), Pontevedra (26 de decembro, Teatro Afundación), Lugo (27 de decembro, Auditorio Fuxan os Ventos), A Coruña (3 e 4 de xaneiro, Teatro Colón) e Santiago de Compostela (17 de xaneiro, Auditorio de Galicia). As entradas xa están dispoñibles a través de www.reinventio.gal e www.ataquilla.com, cun rango de prezos entre 15 e 25 euros + gastos de xestión, segundo localidade e recinto. |
![]() |
| Inventio © Vanessa Rábade |
| HISTORIA. Reinventio é un espectáculo visualmente abraiante que mergulla o espectador nunha aventura sen precedentes. A narración segue a un mago que perdeu a súa ilusión e tenta recuperala ao percorrer os seus soños e pesadelos. O show transfórmase nun cabaret narrativo vibrante, rebosante de beleza e emoción, onde o circo, a danza e a maxia se converten nas pegadas dun camiño compartido. O público é convidado a un universo onírico no que a realidade se desdobra en aparicións e desaparicións imposibles, levitacións que desafían a gravidade, actos de circo que cortan a respiración e coreografías que encarnan a esencia da ilusión. Detrás desta creación está o artista e ilusionista ferrolán Martín Varela, un dos novos referentes da escena galega, que combina a maxia coa danza e o teatro para construír espectáculos de gran formato con fondo narrativo. A dirección coreográfica corre a cargo de Mercedes Suárez, figura esencial da danza en Galicia, fundadora de Druida Danza e exdirectora do Centro Coreográfico Galego, responsable de traducir en movemento esa linguaxe de emoción e transformación que define a obra. No elenco destaca tamén a artista suíza Milena, especialista en disciplinas aéreas e recoñecida pola súa mestría en equilibrio de mans, telas aéreas e suspensión capilar, que achega unha dimensión física e poética única á escena. A dramaturxia, a música, o deseño artístico e a escenografía, o vestiario e a iluminación compoñen un amplo equipo artístico e técnico que combina experiencia e innovación, e que consolida o obxectivo de Thinking Up Events: poñer o talento galego no centro dun proxecto escénico de proxección internacional. |


