
Actividade paralela da exposición
IRENE GONZÁLEZ. Se lembrar fose esquecer

Irene González. Toujours déjà, 2018 (detalle) Foto: cortesía MARCO Vigo / Adrián Irago
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Dirixe: José Manuel Mouriño
Lugar: salón de actos
Datas: martes 11, 18 e 25 de novembro; martes 2 e 9 de decembro de 2025
Horario: de 18.00 a 20.30 (consultar detalles programa en cada sesión)
ENTRADA LIBRE ata completar capacidade
Colabora:

CICLO DE CINE. “Unha conexión estética”
En paralelo á exposición de Irene González, “Se lembrar fose esquecer”, o MARCO organiza un ciclo de cine de cinco sesións, dirixido por José Manuel Mouriño, concibido como unha oportunidade para afondar na obra de Irene González a través da imaxe, os sons e o tempo dunha selección de referencias cinematográficas. En cada sesión, a proxección do filme está acompañada dunha charla-coloquio a cargo de relatores convidados.
Toda a info e programa completo en http://www.marcovigo.com/content/ciclo-de-cine-unha-conexi-n-est-tica
No seu libro Esculpir no tempo, o cineasta Andréi Tarkovski sinala unha fonte de inspiración crucial na súa obra: a poesía tradicional xaponesa. Tarkovski declárase alí, de maneira particular, fascinado polo modo en que o haiku xaponés eterniza os instantes que estes poemas apenas esbozan e por como convidan o lector (observador) a mergullarse neles: “O haiku «cultiva» as súas imaxes dun modo que non significan nada fóra de si e, á vez, significan tanto que é imposible percibir o seu sentido último. É dicir, unha imaxe é tanto máis fiel ao seu destino canto menos se pode condensar nunha fórmula conceptual, especulativa. O lector dun haiku ten que perderse nel, como na natureza, ten que deixarse caer nel, perderse nas súas profundidades como nun cosmos, onde tampouco hai un arriba e un abaixo”.
Esta mesma frase podería servir como unha auténtica síntese do cinema do propio Andréi Tarkovski, pero tamén do cinema do resto de autores e autoras presentes neste ciclo: Rita Azevedo Gomes, Yasujirō Ozu, Maya Deren ou Jean-Claude Rousseau. Cineastas que conciben a imaxe como un viveiro de experiencias e narracións suspendidas no tempo. Como un espazo propicio para deixarse mergullar e permanecer, pausada e intimamente, co fin de lembrar ou esquecer, no seu interior. Así tamén acontece na obra e nas procuras de Irene González. Ela recoñece, neste tipo de concepcións estéticas, unha fonte de inspiración que as atmosferas dos seus debuxos reflicten con extrema delicadeza.
Coa organización deste ciclo, o noso obxectivo é ofrecer, a quen se achegue á proposta creativa de Irene González, a posibilidade de afondar na súa obra a través da imaxe, dos sons e do tempo traídos por estas referencias cinematográficas. Pero tamén brindar, pola súa parte, unha fascinante vía de entrada nas filmografías dos nomes anunciados, a través das imaxes da propia Irene González. En esencia, que o público poida experimentar a sensación de percorrer estancias ou profundidades dunha mesma natureza.
José Manuel Mouriño
PROGRAMA / CALENDARIO
SESIÓN 1
Martes 11 novembro
El espejo (Andréi Tarkovski, 1975)
18.00
Presentación do ciclo por parte do seu director, José Manuel Mouriño
18.15
Proxección do filme
20.15
Charla a cargo de José Manuel Mouriño, e coloquio co público asistente
SESIÓN 2
Martes 18 novembro
El otoño de la familia Kohayagawa (Yasujirō Ozu, 1961)
18.00
Proxección do filme
20.00
Charla a cargo de Sabela Mendoza, e coloquio co público asistente
SESIÓN 3
Martes 25 novembro
Frágil como el mundo (Rita Azevedo Gomes, 2001)
18.00
Proxección do filme
19.45
Charla a cargo de Oriana Méndez, e coloquio co público asistente
SESIÓN 4
Martes 2 decembro
Tres curtametraxes de Maya Deren
Un falso despertar (Maya Deren, 1943)
En tierra (Maya Deren, 1944)
Ritual en tiempo transfigurado (Maya Deren, 1946)
18.00
Proxección das curtametraxes
19.15
Charla a cargo de Alberto Ruiz de Samaniego e coloquio co público asistente
SESIÓN 5
Martes 9 decembro
Muchacha junto a una ventana leyendo una carta (Jean-Claude Rousseau, 1983)
18.00
Proxección do filme
19.00
Como peche do ciclo, visita guiada á exposición de Irene González, na compaña da artista, e conversa co público asistente.
IRENE GONZÁLEZ. Se lembrar fose esquecer
3 outubro 2025 – 11 xaneiro 2026
Galería e sala perimetral B1, 1º andar
Curadoría: Patricia Verdial Garay
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
