Now Reading
Fransy González, embaixadora en Francia da música galega

Fransy González, embaixadora en Francia da música galega

Xirará xunto á orquestra Ars Nova durante todo o 2026-2027 como representante de Galicia.

  • A pandeireteira arteixá vén de representar a Galicia no espectáculo ‘ArcAtlantic-Dérives sonores’ o pasado 29 de abril no TAP – Teatro Nacional de Poitiers
  • Esta fin de semana renderá homenaxe ao emblemático músico bretón Erik Marchand en Poullaouen xunto a destacados artistas de toda Europa

Fransy González (Grenoble, 1972) é unha figura referencial na música tradicional galega, recoñecida pola súa dobre faceta como investigadora e intérprete. Filla da emigración galega en Francia, regresou a Galicia aos 2 anos, onde iniciou unha vida dedicada á recuperación e transmisión do patrimonio oral.

Durante máis de dúas décadas establece unha estreita relación artística co país veciño, sendo convidada en reiteradas ocasións polo destacado músico Erik Marchand, figura referencial da música folk da Bretaña. No ano 2000 grava xunto a el mesmo e outros artistas internacionais o disco ‘Kan’ co que xirou por escenarios como Pigna (Córcega), Estrasburgo ou a súa Grenoble natal, ao mesmo tempo que é convidada cos seus propios proxectos para cantar no Festival Intercéltico de Lorient en diferentes edicións ou no Festival Musique Brest.

Participa recentemente no espectáculo multidisciplinar  ‘ArcAtlantic-Dérives sonores’ dirixido polo compositor francés Romain Baudoin e a orquestra contemporánea Ars Nova que foi presentado mundialmente no Teatro Nacional de Poitiers o pasado 29 de abril. Este proxecto é froito do traballo dunha residencia artística que comezou en febreiro de 2025 en Pau e seguiu desenvolvéndose en decembro en Burdeos e que versa sobre as diferentes músicas orais da costa atlántica recorrendo o camiño desde Galicia á Bretaña francesa. O espectáculo xa ten programadas diferentes presentacións por toda Europa para este ano 2026 e 2027 que levarán á artista galega de novo en xira por territorio francés.

Este venres 15 de maio honrará ao finado Erik Marchand en Poullaouen xunto a destacados artistas internacionais da talla de Gwerz (Francia), Costica Olan e Taraf de Caransebes (Rumanía), Svetlana Spajic (Serbia), Hameed Khan (India), ou o conxunto polifónico Mallakaster (Albania).

Fransy

Unha vida dedicada á esencia da raíz.

O seu traballo destaca por un profundo labor de campo iniciado aos 13 anos. Durante as décadas dos 80 e 90, realizou unha intensa recollida folclórica por toda Galicia, con especial incidencia na comarca de Bergantiños e Arteixo, co obxectivo de reconstruír o repertorio vocal con fidelidade ás fontes orixinais.

Docencia

Cunha experiencia de máis de 35 anos, formou a centos de alumnos. Impartiu clase en centros de prestixio com.o a Maison des Cultures du Monde en Vitré (2012) e o Centre Breton d’Art Populaire en Brest (2015) así como foi a directora das escolas de Xiradela e da A.C. O Castro de Miño, coordinando grupos como Algarada e Lilaina.

See Also

‘Manhe’

Máis de vinte músicos acompañan a Fransy nun espectáculo coidado e emotivo, onde a música tradicional galega se eleva con elegancia, forza e unha nova dimensión sonora. Baixo a dirección musical de Pedro Lamas, o proxecto propón un diálogo inédito: a voz e a pandeireta enxebre de Fransy fronte á elegancia da orquestra de corda. Trátase dunha proposta que vai a contracorrente: preserva a autenticidade da música patrimonial, apostando por un formato de alta fidelidade pensado para ser exportado a calquera escenario do mundo. A esencia reside na raíz: as voces e pandeiretas de tantas mestras anónimas que sobreviven na interpretación única e irrepetible de Fransy González. O espectáculo estreouse en novembro de 2025, esgotando as entradas do Teatro Colón da Coruña, nunha primeira presentación que confirmou a potencia escénica e emocional desta especial proposta que sairá en disco a finais deste mesmo ano.

Recoñecementos

Fransy conta con premios como o de Arteixá do Ano (1996) e o recoñecemento oficial do Concello de Arteixo (2021) pola súa labor de salvagarda do repertorio vocal galego. Ademais, a súa figura forma parte do proxecto «Músicas Galegas Ilustradas» no IES Manuel Murguía.

Scroll To Top