Now Reading
EDITORIAL GALAXIA PRESENTA CINCO NOVOS AUDIOLIBROS PARA PÚBLICO XUVENIL E ADULTO E DEZ CONTOS CLÁSICOS

EDITORIAL GALAXIA PRESENTA CINCO NOVOS AUDIOLIBROS PARA PÚBLICO XUVENIL E ADULTO E DEZ CONTOS CLÁSICOS

O Centro de Recursos Educativos da ONCE de Pontevedra acolle a presentación deste formato que está a experimentar un crecemento moi salientable no sector editorial.


Profesionais do mundo da dobraxe como Teresa Santamaría, Julio Lorenzo, Ana Maciñeiras, Beatriz García, Ramón Pouso Dios e Francisco Martínez Barreiro participan nesta iniciativa.
O Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra acolle a presentación de seis novos audiolibros de Editorial Galaxia, como aposta deste formato que acada un aumento salientable no seu uso. No acto de presentación participaron José Ángel Abraldes, director do Centro de Recursos Educativos da ONCE; Julio Lorenzo, director de dobraxe, locutor, actor e formador e unha das voces recoñecibles nesta iniciativa; Cynthia Menéndez, autora de “Son como glaciares os barcos de aceiro” un dos títulos que se trasladou ao formato audiolibro e; Marcos Calveiro, director de edicións de Editorial Galaxia.


Dos seis audiolibros presentados, cinco títulos van dirixidos ao público xuvenil e adulto: Birken, de Diego Alfonsín, con narración de Julio Lorenzo, que participou nesta presentación; Contos gringos, de Lara Dopazo, narrado por de Teresa Santamaría; Os mortos que amei, de Iria Collazo, narrado por Ana Maciñeiras; Runrún, de Ana Varela con narración de Bea García e Teresa Santamaría e, Son coma glaciares os barcos de aceiro, de Cynthia Menéndez con narración de Ramón Pouso Dios.
Estes libros que se editan en formato audiolibro constitúen novidades da actual narrativa galega. Son catro autoras e un autor con idades comprendidas entre os trinta e os corenta e cinco anos, con experiencia internacional de estadías no extranxeiro, participación en residencias literarias e mesmo teñen acadado premios de sona como o García Barros, o Antón Losada Diéguez ou o Premio Follas Novas.
Por outro lado e, seguindo co lanzamento no 2025 dos audiocontos, complétase esta presentación cun audiolibro infantil titulado “10 contos clásicos”, no que se atopan títulos recoñecibles da historia deste xénero de autores como os irmáns Grimm ou Charles Perrault: O galo Quirico; Branca de neve e os sete ananos; Os catro amigos; Os sete cabuchos; A casiña de chocolate; Os tres osos; Xan o das fabas máxicas; O labrador, a raposa e o lobo; O gato con botas; e Bela e besta. A adaptación deste traballo foi realizada por Xavier Senín, Ánxela Gracián e Xesús Carballo Soliño e a narración é de Teresa Santamaría e Francisco Martínez
Barreiro.


Os audiolibros permiten que a literatura chegue a máis espazos e persoas, fomentando a atención activa, a comprensión oral e o gusto polas historias. Son ideais para acompañar viaxes, momentos de xogo, de lecer ou a realización doutras actividades. A través de interpretacións moi coidadas, respéctase o ton e a alma de cada obra que se traslada a este formato.
Todos os estudos do mundo editorial sinalan que o uso dos audiolibros crece de forma salientable, xa que no 2025 acadou un 26,7%, fronte ao 9,7% do ano 2022. Consolídase ademais un perfil de oínte máis estable e cotiá, disminuindo o descoñecemento deste formato, así como o seu uso adicional. Xusto a isto, temos que engadir que xa un 40% das persoas internautas consúmeo.

See Also

Scroll To Top