No Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, a 25 de marzo de 2026
reuniuse o xurado do II Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil,
convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas e Editorial Galaxia, coa
colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de
Galicia, constituído por Armando Requeixo, Rosalía Morlán, Sandra
Ferrerio García e Gabriel Romero de Ávila.

Logo da pertinente deliberación, o xurado decidiu outorgar por
unanimidade o premio ao orixinal presentado baixo o lema “Ensino para
místicas”. Aberta a plica, o texto resultou ser da autoría de Álvaro
Domínguez Rodríguez-Volta.
O xurado salientou a súa hipnótica recreación dun mundo fantástico
arredor dunha escola de maxia na illa de Tambo. Ideada como unha
homenaxe aos grandes relatos deste xénero, a historia amosa as
narracións “dark academy” ao tempo que asenta una lectura en clave
feminista e reivindicativa, recreando con habelencia a sociedade galega
de comezos do século XX.

Álvaro Domínguez Rodríguez-Volta, nado en Pontevedra en 1986, é un
escritor e profesor galego. Publicou relatos en varos portais dixitais.
Cursou o Máster de Edición Universidade Autónoma de Madrid-Taller de
Libros e traballou no mundo editorial como lector de manuscritos,
corrector, tradutor e tamén en prensa. En 2022 gañou o Premio Xosé Neira
Vilas de Novela Curta coa obra «Cristais rotos».
Ademais, o xurado, escolleu como finalista, a obra presentada baixo o
lema “Todo o que fixemos aquela noite” Aberta a plica, o texto resultou
ser da autoría de Irene Rega Jul.
Pola súa banda, o xurado, destacou desta obra a súa capacidade para
introducirnos nun thriller poderoso protagonizado por un grupo de mozos
e mozas que teñen que dar conta dunha morte sorpresiva. Narrada cunha
estrutura calidoscópica, esta historia convence pola intensidade dos
feitos narrados e a forza dos seus personaxes.

Irene Rega Jul, nada en San Cibrao en 1996 é una escritora galega. En
2022 resultou gañadora do Premio de Narrativa Illa Nova coa obra «A
malferida», tamén recibiu o Premio de Novela Vilar Ponte pola obra
«Tecendo Redes», novelas ambas publicadas pola editorial Galaxia.
