
“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos
teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o IES
Ribeira do Louro, a Editorial Galaxia e o Concello do Porriño convocan
este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais
susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino
secundario. Asemade, pretendemos honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño
que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.”
BASES
1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas maiores de idade que o
desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non
premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, se ben hai que ter en
conta que van ser lidas e interpretadas por alumnos e alumnas de ensino
secundario, de 12 anos en diante.
3. Cada autor/a poderá presentar máis dunha obra, se así o desexa. Non
se poderán presentar aquelas autoras e autores que tivesen gañado o
premio nas tres edicións inmediatamente anteriores.
4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais
correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de
autoría, un diploma e unha figura acreditativos e a edición e
publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal
efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente
contrato de edición.
5. Haberá unha única obra gañadora e o premio poderá quedar deserto se
as obras presentadas non se adecúan á finalidade do premio, segundo o
criterio do xurado.
6. O PRAZO de presentación de orixinais comeza unha vez publicadas as
presentes bases e remata o 27 de febreiro de 2026.
7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto coa
plica, nun sobre pechado cos datos do autor/a. O ENVÍO farase a través
de correo postal ao enderezo: IES Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n,
36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro
Roberto Vidal Bolaño.
8. O XURADO estará conformado por unha persoa do equipo de EDL do IES
Ribeira do Louro, dous profesionais do ámbito das artes escénicas e unha
representante da Editorial Galaxia como secretaria con voz e sen voto; e
prestará especial atención á innovación dramatúrxica, ás novas linguaxes
contemporáneas e á singularidade temática das pezas.
9. A obra gañadora darase a coñecer no mes de maio e a gala de entrega
do premio farase nun acto organizado polo IES Ribeira do Louro, na
derradeira semana de maio de 2026.
10. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada
recibise algún premio ou fose editada, o/a autor/a deberá comunicalo á
organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do
presente concurso.
11. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na secretaría do
IES Ribeira do Louro do Porriño no prazo dun mes a partir do fallo do
xurado. As obras non recollidas serán destruídas pasado o mes.
12. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas
bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.