Now Reading
Editorial Galaxia presenta a súa proposta para as letras galegas 2026 dedicadas a Begoña Caamaño.

Editorial Galaxia presenta a súa proposta para as letras galegas 2026 dedicadas a Begoña Caamaño.


A autora que lle deu voz propia aos mitos

Editorial Galaxia pon en marcha unha ampla programación editorial,
educativa e cultural con motivo das Letras Galegas 2026, dedicadas a
Begoña Caamaño, unha autora fundamental da literatura galega
contemporánea polo seu labor de relectura dos mitos clásicos desde unha
perspectiva feminista e crítica.

A proposta editorial inclúe a recuperación de títulos clave da súa obra
narrativa, como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, dúas
novelas nas que Caamaño dá voz a personaxes femininas tradicionalmente
silenciadas. Xunto a elas, complétase o panorama da súa traxectoria con
obras que afondan na súa vida e no seu compromiso cultural, como a
Biografía de Begoña Caamaño, de Ana Romaní e María Xesús Nogueira, e
Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela, Alfa
e Omega, de María Xosé Porteiro.

A campaña incorpora tamén títulos que dialogan coa autora desde a
memoria e a creación contemporánea, como A nena que perdeu un zapato na
lama, de Ramón Nicolás con ilustracións de Carlos Gallego, e Begoña
Caamaño. O transgredir das ondas, de Paula Carballeira, unha obra
dramática xuvenil baseada no podcast homónimo.

Un dos eixos centrais da programación está dirixido ao público escolar.
Bego e o mundo do revés, de Iria Collazo López, con ilustracións de Alba
Stinson, achega ás lectoras e lectores máis novos á infancia de Begoña
Caamaño e á súa paixón pola lectura, e articula unha campaña escolar
específica que se completa co espectáculo Chaves invisibles, adaptado
por Vero Rilo, con música en directo de Luís Iglesias, pensado para
Educación Primaria. Cunha duración de 45 minutos, é unha festa musical
que celebra a lectura e a imaxinación como espazos de liberdade, onde
cad ahistoria é unha chave e cada nena ou neno é quen a fai xirar.

O cartel das Letras Galegas 2026 acompaña esta programación cun deseño
que dialoga co universo literario de Begoña Caamaño a través de
elementos simbólicos presentes na súa obra, como o azul, o fío e a lúa,
establecendo conexións visuais cos mitos e coas voces femininas que a
autora revisitou desde unha ollada contemporánea. A imaxe dunha Begoña
nova funciona como punto de entrada á súa figura e ao seu imaxinario
literario.

Con esta programación, Editorial Galaxia propón unhas Letras Galegas
2026 que convidan a descubrir, ler e repensar a obra e o legado dunha
autora esencial.

Scroll To Top