Now Reading
HEMATOFESTI continúa ata final de ano a través de O bosque dos contos

HEMATOFESTI continúa ata final de ano a través de O bosque dos contos

O pasado sábado 8 rematou a segunda edición do Hematofesti, pero a programación para a cativada continúa ao longo destes meses coa iniciativa O bosque dos contos, ideada xunto á Deputación de Pontevedra.

O bosque dos contos está formado por unha exposición, seis sesións de club de lectura e seis obradoiros creativos. 

A inscrición está aberta na web da Deputación

Accede ao presskit

Novembro de 2025

A segunda edición do Hematofesti, o festival de humor e literatura infantil de Vigo, rematou o pasado sábado 8 de novembro, mais o seu espírito continúa vivo na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. O edificio situado na rúa Chao acolle, desde o 3 de novembro de 2025 ata o 11 de xaneiro de 2026, O bosque dos contos, unha iniciativa ideada entre o Hematofesti e a institución provincial para fomentar a lectura e a creatividade entre o público miúdo. 

A primeira parte do proxecto en botar a andar foi a exposición Hematocrítico Ilustrado por Alberto Vázquez, que recompila as obras gráficas orixinais do ilustrador coruñés para os libros infantís de Hematocrítico e conta cunha sala de lectura. Está dispoñible na planta baixa e no soto da Sede provincial ata o 11 de xaneiro. 

Club de lectura: un espazo para descubrir contos e autores

O club de lectura, dinamizado pola mestra Ivana Gómez, desenvolverase tres sábados de novembro e decembro de 12:00 a 13:30 h. Está pensado para nenos e nenas de distintas idades, que poderán compartir lecturas e coñecer de preto a autores e autoras galegas de literatura infantil e xuvenil como Antonio Manuel Fraga, María Lado e Eva Mejuto

Esta actividade procura o fomento da lectura, entendida como fonte de coñecemento e diversión; e a dinamización da propia exposición, que convida a adestrar a imaxinación e gozar do pracer de ler. 

15 de novembro e 6 de decembro: sesións para nenos e nenas de 9 a 12 anos arredor do libro Como escorrentar un lobo, coa visita do seu autor, Antonio Manuel Fraga.

22 de novembro e 13 de decembro: encontros para maiores de 11 anos centrado no poemario Canta miña compañeira, coa participación de María Lado.

29 de novembro e 20 de decembro: sesións para rapazada de 6 a 12 anos sobre Os contos do lobicán coa visita da autora, Eva Mejuto.

Obradoiros de ilustración e escrita: crear, xogar e imaxinar

See Also

As tardes dos sábados, de 18:00 a 19:00 h, estarán dedicadas aos obradoiros de ilustración e escrita, tamén con inscrición previa de balde. Entre os talleres atopamos colaxe, xoguetes ópticos, Kamishibai, debuxo tolo, escrita divertida e autorretrato, que serán impartidos por Diego Estebo, Carmen Pintos, Natalia Umpiérrez, Berto Fojo, María Lado e Iván R. Estas actividades buscan fomentar o gusto pola lectura, a expresión artística e a creatividade entre o público máis novo, combinando o xogo coa aprendizaxe.

15 de novembro: Obradoiro de Colaxe con Diego Estebo.

22 de novembro: Marabillas xiratorias. Xoguetes ópticos con Carmen Pintos.

29 de novembro: Obradoiro Kamishibai con Natalia Umpiérrez.

6 de decembro: Debuxo Tolo con Berto Fojo.

13 de decembro: Obradoiro de Escrita Divertida con María Lado.

20 de decembro: Os Carapizza. Autorretrato con Iván R.

Scroll To Top