
Sinsalaudio e MUTA celebrarán o 30 de decembro en Vigo ‘MUTASonsʼ, unha xornada sonora con artistas locais vinculadas á música experimental e electrónica
A iniciativa, impulsada pola promotora musical e polo espazo mutante para eventos en Vigo, ofrecerá cinco horas de música con directos e propostas híbridas, gravación de podcast e as entradas xa están á venda a través da plataforma Woutick
Phonotoner, Wabii & Yung Denzo Djs, AKAZIE, Marco Maril, Marta Verde, Juanma LoDo, Arkestra Djs, Fon_os e DJ Viktor Flores participarán no evento, no que tamén se presentará ‘Mydriasisʼ, unha investigación multisensorial realizada por Mateo Mena e Anna Matveinen
A promotora musical Sinsalaudio e o espazo mutante para eventos MUTA unen forzas e propoñen na tarde do 30 de decembro unha reunión sonora con artistas locais para despedir o ano. A iniciativa, coñecida como MUTASons, desenvolverase entre as 17.00 e as 22.00 horas do martes 30 no recinto da rúa Joaquín Loriga. As entradas xa están á venda, desde 10€, a través da plataforma web Woutick.
MUTASons é un encontro sonoro que nace para reunir á escena vinculada á creación contemporánea, particularmente da música experimental e sonora, para despedir o ano.
Artistas, DJs e proxectos vinculados á escena participarán nunha xornada que tamén conta coa implicación do creador Fon Román. Ao longo de cinco horas, sucederanse os DJ sets, directos e propostas híbridas, dando boa conta da ampla e rica diversidade musical que se vive e escoita na rexión, e que se move entre a electrónica, a experimentación sonora e a cultura club.
Entre as participantes, estarán DJs como Phonotoner, Wabii & Yung Denzo Djs, AKAZIE, Arkestra Djs (BFlecha e Mwëslee) e Viktor Flores; e haberá dous ‘liveʼ da man de Marco Maril e Fon_os. Tamén haberá espazo para dar conta de novos proxectos, como ‘Mydriasisʼ, unha investigación multisensorial realizada por Mateo Mena e Anna Matveinen, ou LivePixel, a innovadora proposta na que conflúen Marta Verde e Juanma LoDo e na que se mesturan ata nos seus propios nomes artísticos (pasando a ser, no escenario, Marta LoDo e Juanma Verde).
Ademais, Sinsalaudio gravará un podcast con entrevistas e que dará conta do que foi, musicalmente, o ano 2025 para a escena viguesa experimental.

As entradas do MUTASons xa están á venda a través da plataforma web Woutick desde 10€ (máis gastos de xestión) e inclúen unha consumición. A capacidade da galería é limitada.
MUTASons
Reunión sonora promovida por Sinsalaudio, MUTA e Fon Román
30 de decembro
De 17.00 a 22.00 horas
MUTA (rúa Joaquín Loriga, 9. Vigo)
17.00 horas Phonotoner and Sinsalaudio Djs (Podcast)
17.30 horas Wabii & Yung Denzo Djs (dj set)
18.00 horas Mateo Mena e Anna Matveinen: Presentación da Investigación multisensorial
‘Mydriasisʼ.
18.20 horas AKAZIE (dj set)
19.00 horas Marco Maril (live)
19.30 horas TBC
20.00 horas. LivePixel, con Marta LoDo e Juanma Verde (live)
20.30 horas Arkestra Djs (dj set)
21.00 horas Fon_os (live)
21.30 horas DJ Viktor Flores (dj set)
