
ArteLixo2026
ATA AQUÍ CHEGABA O MAR!
Ben podería ser unha pregunta, ata onde chegaba o mar?, mais ArteLixo prefire ser afirmativo e positivo.
En primeiro lugar reflexivo, esa é a proposta que cada ano lanzamos a maiores e pequenas, a todas as veciñas e veciños do planeta azul, do azul do mar que colorea a terra, unha reflexión. Sen embargo, nesta edición do ArteLixo2026, a reflexión ecoloxista que propomos non é tan global, como os océanos tinguidos da luz do ceo, esa xa a fixemos, é moito máis local. Pensa globalmente e actúa localmente. Ata aquí chegaba o mar!
Positivo porque desexamos que non sexa tarde. Confiamos en aínda estar a tempo. Como tratamos o noso mar? Educa o mar a nosa natureza colectiva? E a enseada de San Simón, educa? É parte da nosa fonte inmaterial? Canto contaminamos a enseada? Queda vida?… e miles de preguntas máis que se poden recoller nunha obra para participar neste ArteLixo2026. Se asi se desexa, pois como todas as edicións podese facer o que se queira das obras e a súa temática.
Afirmativo porque o sabemos, sabemos ata onde chegaba o mar de Redondela. Afirmativo porque, Ata aquí! Nin un paso atrás! Porque imaxinamos unha sociedade que desexe que as augas roubadas sexan recuperadas.
Por este ano o ArteLixo intégrase no proxecto Mariscando conCiencias para o Futuro que contempla a Arte Cidadá como unha composición de saberes para imaxinar e construír futuros sostibles. Unha iniciativa, na que participamos AMARTURMAR, grupo de profesionais da pesca costeira artesanal, Future Oceans Lab (Uvigo), grupo de investigación adscrito ao campus do mar da Universidade de Vigo, ArteLixo, Concello de Redondela e Cidadania S. Coop. Galega, cooperativa que promove a participación social nas políticas públicas.
Mais sen dúbida, o ArteLixo segue sendo o mesmo. Un certame ecoloxista, solidario, colaborativo, con consciencia e con vontade de compartir. Outro ano máis, ArteLixo amosa que as cousas poden facerse de outro xeito, en común, e coa aportación libre e desinteresada de moitas persoas, voluntarias, activistas, comerciantes, cidadáns do pobo de Redondela, profesorado, alumnado… Mais, sobre todo, das artistas que expoñen as súas obras. É o noso desexo que todas as persoas que colaboran e expoñen se sintan cómodas e que o seu paso polo ArteLixo2026 sexa agradable e gozoso.
As obras teñen que estar feitas con material de refugallo. As obras expoñeranse polas rúas, prazas e escaparates de Redondela durante o certame.
Como inscribirse no ArteLixo2026?
Necesitamos que as persoas e grupos que vaian expoñer as súas obras nos faciliten o traballo do seguinte xeito:
Cubrir o formulario de inscrición antes do 15 de Marzo de 2026. Se, por calquera circunstancia, a obra se inscribe con data posterior non podemos garantir unha localización de exposición nin que a obra sexa catalogada, nin que apareza no rueiro da exposición.
A inscrición faise mediante un formulario. O formulario está nesta ligazón: https://forms.gle/11EeyDgWFVAzZTYp6
Unha vez rematado o prazo de inscrición a organización porase en contacto coas autoras/es das obras para concretar os detalles de localización e calquera outro que poida xurdir.
As/os artistas colocaran e retiraran as obras do sitio elixido. Énos imposible facer este traballo, ademais pensamos que é bo que sexa a propia persoa que concibiu a obra quen a coloque ao seu xeito e a presente correctamente. Á hora da retirada, a experiencia de todos estes anos pasados evidencia que se as obras non son recollidas a tempo, quedan na rúa ou escaparate infravalorándose así a propia obra e o propio certame.
Nestes últimos anos xurdiunos unha dificultade enorme para as obras de escaparate polo seu tamaño. A maioría dos comercios, ou ben dispoñen dun escaparate pequeno ou só poden habilitar un espazo dentro do escaparate. Sen embargo durante estes anos algunhas obras excedían do tamaño dispoñible para a súa exposición, creando verdadeiras dificultades para atopar un escaparate axeitado.
Solicitamos e recomendamos que as obras que sobrepasen as medidas de 50cm×50cm×50cm deséñense para poder ser expostas na rúa onde non temos límite de tamaño. No caso contrario, antes de inscribir a obra poñervos en contacto coa organización.
A organización facilitará as/os artistas unha cartela para a correcta identificación da obra que poderán colocar xunto a obra no momento da súa montaxe.
Para calquera dúbida, dificultade, cuestión ou suxestión, atendemos a través do correo electrónico: artelixoredondela@gmail.com
Como en todas as anteriores edicións, o ArteLixo2026 estará cheo de actividades paralelas. Seguiremos informando!
Saúde e Viva o ArteLixo!
DATAS ArteLixo2026
PRAZO DE INSCRICIÓN: ATA O 15 DE MARZO
EXPOSICIÓN: DO 28 DE MARZO AO 11 DE ABRIL
Dende o río ata o mar!
