Now Reading
ASASINATO NO MUÍÑO DO CURA

ASASINATO NO MUÍÑO DO CURA

Arantza Portabales é, sen dúbida, unha das voces imprescindibles da
novela negra: unha autora de referencia, cunha traxectoria sólida, que
leva anos conquistando milleiros de lectoras e lectores.

Regresa agora cun dos lanzamentos máis agardados do ano: «Asasinato no
muíño do Cura», a nova entrega da serie “Os crimes de Loeiro”, tras
Asasinato na Casa Rosa.

Volvemos a Loeiro, onde en 1984 acontece unha matanza no muíño do Cura
que trae as súas consecuencias ata o presente, cando Alba Mariño chega á
vila na procura de respostas sobre un pasado que lle roubaron e do que
descoñece todo, agás a marca indeleble que deixou na súa vida.

Santaclara e Araujo, coa inestimable colaboración de Sinda, a Gestapo,
axudarán a Alba a desentrañar o sanguento misterio arredor do seu pasado
e baterán coas sinistras irmás Freijomil, netas do cura, e coa vella
historia da morte da súa sobriña Berta sendo nena, crime que nunca se
resolveu.

O pacto de silencio entre os veciños irá rachando pouco a pouco ata
desembocar nun final trepidante que fai tremer os cimentos da vila.

Xa dispoñible en prevenda cun 5 % de desconto (ata o 7 de abril), é o
momento de asegurar un exemplar dun dos títulos que vai dar que falar
esta temporada. Estará á venda o 9 de abril de 2026.

See Also

Arantza Portabales (San Sebastián, 1973) iníciase como escritora no ano
2015 cun libro de microrrelatos en castelán, «A Celeste la compré en un
rastrillo». Ese mesmo ano, coa súa primeira obra en galego,
«Sobrevivindo» (Galaxia), acada o Premio de Novela por Entregas de La
Voz de Galicia. A súa segunda novela, «Deixe a súa mensaxe despois do
sinal» (Galaxia, 2017), foi traducida ao castelán, italiano, hebreo e
alemán, adaptada ao teatro e obtivo o Premio Novela Europea do Casino de
Santiago. «Beleza vermella» (Galaxia, 2019), un dos títulos máis lidos
da novela policial galega, acadou o Premio Frei Martín Sarmiento e está
protagonizada polo inspector Abad e a subinspectora Barroso, que en 2021
regresan en «A vida secreta de Úrsula Bas». En 2023 publicou «O home que
matou a Antía Morgade» e, tras a espectacular acollida das súas
anteriores novelas negras, iniciou a serie “Os crimes de Loeiro”,
protagonizada por Santaclara & Araújo, con «Asasinato na casa rosa»
(Galaxia, 2024).

Se sabes o que significa agardar por unha nova novela de Arantza
Portabales, este é o momento. Reserva xa o teu exemplar e regresa a
Loeiro desde o primeiro día.

Scroll To Top