María López Sández é a nova directora da revista Grial. O seu nomeamento
fíxose público o xoves 5 de febreiro, coincidindo coa presentación
do número 248 da publicación, celebrada na libraría Couceiro, en
Santiago de Compostela.

No acto participaron, xunto coa nova directora de Grial, Henrique
Monteagudo, presidente da Real Academia Galega; Llerena Perozo e Víctor
F. Freixanes, coordinadores do Foro Comunicación e novas tecnoloxías; e
Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia, que agradeceu a
Monteagudo os anos de intensa relación con Grial, desde que en 1989
formou parte do Consello de redacción e, sobre todo, as etapas de
codirector con Víctor F. Freixanes (2003-2019), e director (2020-2025).
O número 248 de Grial, titulado «Comunicación e novas tecnoloxías»,
reflexiona sobre os profundos cambios derivados da aparición de Internet
e das tecnoloxías da información e da comunicación, que transformaron a
economía, a produción cultural, os fluxos comunicativos e as relacións
sociais, políticas e culturais. Nun contexto marcado pola aceleración, o
intercambio permanente e a supresión de fronteiras, o volume analiza a
centralidade da comunicación como elemento constitutivo da vida social e
cultural, así como o papel das TIC e, máis recentemente, da Intelixencia
Artificial, no presente e no futuro.
Desde esta perspectiva, o número aborda as implicacións destes procesos
para Galicia como sociedade e como cultura, e pon o colofón ao ciclo dos
Foros Grial – Galicia 2050, celebrados ao longo do ano do 75 aniversario
de Editorial Galaxia.

O monográfico central reúne achegas de Manuel Gago (“Oportunidades e
desafíos para a cultura galega na nova Internet. Da MetaGalicia á
intelixencia artificial”), Silvia Vázquez Lorenzo (“Galicia online.
Repensar a identidade cultural fronte á omnipresenza dixital”), María
Yáñez Anllo (“Os medios galegos no ámbito dixital. O reto da relevancia
social na cultura do algoritmo”) e Alberto Quian Pampín (“Galicia: cara
a unha nación dixitalmente soberana”). O número complétase coas seccións
habituais da revista, entre as que destaca “Documentos”, con “Tres
cartas de Castelao a Rodolfo Prada (1937 e 1939)”, de Henrique
Monteagudo, que serve tamén para pechar o Ano Castelao.

María López Sández é académica de número da Real Academia Galega, para a
que foi elixida o 9 de xullo de 2022 na vacante de Darío Xohán Cabana.
Ingresou o 11 de marzo de 2023 co discurso Onde abrolla o manancial. A
paisaxe na raíz do ensaísmo galego e forma parte actualmente da
executiva da institución como tesoureira.
É doutora en Teoría da Literatura e Literatura Comparada pola
Universidade de Santiago de Compostela, cunha tese titulada A descrición
topográfica: o seu papel na construción dun imaxinario cultural galego
(Cantares gallegos, Arredor de si e o ciclo textual de Tagen Ata).
Catedrática en excedencia no ensino secundario, é profesora da área de
Didáctica da Lingua e da Literatura na USC. A súa traxectoria académica
foi recoñecida co Premio Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de
Galicia e co II Premio Nacional de Terminación de Estudos Universitarios
de Filoloxía.
Co ensaio Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio obtivo o
Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no ano 2007, publicado en 2008 pola
editorial Galaxia. A súa investigación céntrase na representación
literaria do espazo, a literatura galega, os sistemas de información
xeográfica e a obra de Rosalía de Castro, Ramón Otero Pedrayo e Xosé
Luís Méndez Ferrín, desde un enfoque sociolóxico e sistémico do feito
literario. Esta perspectiva atende á dimensión ideolóxica, aos
imaxinarios sociais e ás dimensións territoriais e espaciais, abrindo
liñas de investigación relevantes para a educación literaria orientada á
equidade e á innovación. Coordina o Seminario de Sociolingüística da
Real Academia Galega e publicou traballos como Lingua e xénero en
Galicia: estado da cuestión. Durante anos coordinou a sección de
recensións da revista Grial.
Como escritora publicou A forma das nubes (2012), Premio Repsol de
Narrativa Breve; O faro escuro (2015); A noite da deusa (2020); Illados,
diario da pandemia (2020) e Movendo os marcos do patriarcado. O
pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2020), en colaboración con
Marilar Aleixandre.
Sara Valcárcel
Responsable de Comunicación e coordinadora de Novos Proxectos
Editorial Galaxia, S.A.
