Now Reading
O GRUPO URBAN SKETCHERS VIGO INAUGURA EN ÉVAME OROZA A EXPOSICIÓN DEBUXANDO VIGO PARA OROZA

O GRUPO URBAN SKETCHERS VIGO INAUGURA EN ÉVAME OROZA A EXPOSICIÓN DEBUXANDO VIGO PARA OROZA


▪ A inauguración celebrarase o 9 de xaneiro e a mostra permanecerá no
local da asociación ata o 30 deste mes.

O venres 9 de xaneiro, ás 20:00 horas, inaugúrase no
espazo cultural Évame Oroza a exposición «Debuxando Vigo para Oroza», unha mostra colectiva do grupo Urban Sketchers Vigo (USkVigo) que rende homenaxe ao poeta Carlos Oroza a través do debuxo urbano. Entrada aberta ata completar aforo.
A exposición, que permanecerá en Évame Oroza ata o 30 de xaneiro, é o
resultado das debuxadas realizadas durante este outono por máis de 30 urban
sketchers, que quixeron lembrar a figura de Carlos Oroza. Para iso, escolleron
enclaves emblemáticos da cidade, como o Paseo de Alfonso, o Monte do
Castro, a Porta do Sol, a Alameda, as Avenidas ou o castelo de San Sebastián,
espazos intimamente ligados á identidade viguesa.


Un movemento internacional con espírito local
Urban Sketchers é un movemento mundial de debuxantes nacido en Seattle
en 2007 da man do ilustrador Gabriel Campanario, coa premisa de debuxar
in situ o que se observa para contar historias dos lugares onde vivimos ou
viaxamos e compartilas nas redes sociais. O movemento conta cun manifesto
de oito puntos que definen o que é un urban sketch e está presente en
practicamente todas as cidades do mundo.
Actualmente só 549 grupos están recoñecidos oficialmente pola organización
Urban Sketchers, e USkVigo é un deles. O grupo foi creado no ano 2018 pola
artista Araceli B. Gato, baixo o nome de uskriasbaixas, do que máis tarde
xurdiron outros colectivos como uskvalmiñor, usk.pontevedra, uskcangas e
uskvigo. Desde hai varios anos, todos os domingos pola mañá, un grupo de
debuxantes queda en Vigo para plasmar no papel espazos da cidade ou
doutros puntos de Galicia e do norte de Portugal.


Un grupo aberto, diverso e integrador
USkVigo é un grupo aberto a todo o mundo, sen importar idade nin
profesión, e non é necesario ter formación artística. Na súa conta de Instagram
@uskvigo, que conta con máis de 1.500 seguidores, difúndense as
convocatorias e os debuxos realizados nas diferentes quedadas.
Cada encontro, coñecido como debuxada, comeza nun punto previamente
anunciado nas redes sociais. Alí o grupo reúnese ao inicio e ao remate para
facer unha foto conxunta e compartir os debuxos. Durante a sesión, cada
participante escolle libremente a técnica a utilizar e o lugar que quere debuxar
arredor do punto de encontro.
A exposición Debuxando Vigo para Oroza reflicte á perfección a diversidade
de estilos, miradas e técnicas dos seus participantes, demostrando que, mesmo
debuxando un mesmo espazo, non hai dous debuxos iguais.

See Also


Artistas participantes
A mostra reúne obras de: Alba Iglesias, Alphonzo Solorzano, Belinda Besada,
Carlos Caamaño, Damián Puime, Dana Rodríguez, Emma Romero, Gloria
Pérez, Iria Beltrán, Iria Crespo, Isidoro Fernández Mallén, Jorge Morais, José
Manuel Romero, Juan Enseñat, Laura Herbello, Lola Rodríguez, Loli CR,
Lucía Walter e Eloy, Manon Funes, Marcos Soto, María Heredero, María
Rey, Martín Fernández Mallén, Mónica Rodríguez, Nuria Lluch, Pamela
Besada, Paula Mallén, Raúl Vila, Richard Ramos, Rocío Extremadura, Rosa
Meneses, Rosana Berti, Saúl Alonso, Sol Dini e Toya Abreu.


Día: 9 de xaneiro
Hora: 20:00 horas
Lugar: Évame Oroza (Subida a Costa, 5 – Casco Vello Alto de Vigo)

Scroll To Top